A conselleira do Mar participou nas xornadas Porto-Cidade-Empresa, organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

A Xunta enxalza o potencial económico dos portos galegos que xeran 900 M€ anuais e 26.000 empregos directos

Rosa Quintana subliñou que esta actividade dos 122 peiraos de titularidade autonómica é froito dos importantes investimentos realizados polo Goberno galego e o sector privado

A Comunidade aposta pola idea de porto único como clave para catalizar a economía da man da sustentabilidade e a innovación e traballa con grupos de interese portuarios en retos para a promoción da competitividade empresarial

Pola tarde a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pechará o bloque dedicado a abordar a estreita relación entre o porto ferrolán e o medio ambiente

Ferrol, 15 de decembro de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, enxalzou hoxe o papel dos portos na dinamización da economía galega e destacou que os 122 peiraos de titularidade autonómica xeran 900 millóns de euros anuais e 26.000 empregos directos. Unhas cifras, especificou, que son froito dos importantes investimentos realizados pola Xunta de Galicia e o sector privado nos últimos anos.

Así o expuxo durante as xornadas Porto-Cidade-Empresa, organizadas pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, inauguradas pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e nas que hoxe tamén participa a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Rosa Quintana puxo de relevo a aposta do Goberno galego pola idea de porto único como clave para catalizar a economía da man da sustentabilidade e a innovación. Nesta liña, tamén salientou o carácter multidisciplinar dos portos nos que se realizan principalmente tres actividades, a pesqueira, o tráfico comercial e a náutica-recreativa.

Esta rede portuaria, subliñou, define á comunidade galega, representa unha infraestrutura loxística prioritaria para o desenvolvemento das localidades nas que se asenta e debe estar sempre á vangarda. Ademais, a titular de Mar puxo aos portos como exemplo de responsabilidade no coidado na súa operativa diaria e do mar e destacou que o seu crecemento permitiu a súa expansión territorial e integración coas cidades.

Neste sentido, Rosa Quintana explicou que Galicia traballa xunto cos grupos de interese portuarios en retos para a promoción da competitividade empresarial. Entre eles citou a delimitación de forma axeitada dos espazos e dos usos portuarios e a ordenación do solo, un ámbito no que a comunidade galega conta coa guía da paisaxe de Portos, que inclúe boas prácticas para mellorar a integración paisaxística porto-cidade.

Pola súa banda, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, puxo en valor na apertura destas xornadas a colaboración do Goberno galego coa Autoridade Portuaria. Unha colaboración que exemplificou en proxectos como o de remodelación da fachada marítima da cidade, na que se investirán 4,6 M€ “co obxectivo de fomentar unha mobilidade sostible a través das melloras de conexión entre o porto e o centro urbano” ou o primeiro albergue de peregrinos da cidade que se está a habilitar na Casa do Mar.

Aneiros destacou o compromiso da Xunta con esta comarca a través destas e doutras actuacións incluídas no Pacto de Estado por Ferrol remitido ao Goberno estatal e remarcou a necesidade de “remar na mesma dirección, aproveitando a forza de motores industriais tan potentes como o propio Porto ou o naval”.

Porto e medio ambiente

Pola tarde, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, pechará o bloque dedicado a abordar a estreita relación entre o porto ferrolán e o medio ambiente, organizado arredor de dúas mesas redondas sobre enerxías renovables e, máis concretamente, o hidróxeno verde e o seu potencial de cara ao futuro.

Fará fincapé na Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa impulsada pola Xunta para sumar esforzos e crear sinerxías público-privadas á que se adheriu recentemente a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao como mostra do seu compromiso ambiental e da súa contribución para consolidar a posición de Galicia á cabeza europea na loita contra o cambio climático.

Tamén dará conta da aposta da Xunta polas renovables para avanzar cara a neutralidade climática, un ámbito no que o Goberno galego está a levar a cabo unha tramitación ambiental escrupulosa de todos os proxectos que se propoñen neste eido xa que é consciente de que Galicia debe buscar un modelo enerxético que combine todas as garantías ambientais, legais e técnicas. Esta aposta foi trasladada o mes pasado na COP-27 de Exipto, onde a Xunta recolleu interesantes achegas en materia de renovables e sentou as bases para establecer futuras sinerxías con outras rexións.

 

Xornadas porto-empresa

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organiza estas xornadas desde 2011. Empezaron analizando os vínculos entre empresa e porto e na actualidade ampliouse o debate á relación entre o tecido produtivo e a dársena co conxunto da cidade. Esta edición celébrase entre hoxe e mañá no CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana e nela abordarase, entre outros aspectos, a situación actual do sistema portuario e dos seus diferentes axentes así como a súa influencia nas economías locais. Tamén o impacto da crise na actividade loxística, primeiro pola pandemia e na actualidade polas consecuencias en materia enerxética e nos prezos causadas pola invasión rusa de Ucraína.

Imaxes relacionadas