O Centro Ramón Piñeiro homenaxea á catedrática de Filoloxía Románica da USC Mercedes Brea con motivo do seu nomeamento como profesora ‘ad honorem’

O secretario xeral de Política Lingüística participa no acto, onde tamén se presentou o volume Vieiros trobadorescos, unha escolma de estudos da autora publicados ao longo da súa carreira no ámbito da lírica galego-portuguesa

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá na homenaxe á profesora e catedrática de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Mercedes Brea López, organizada polo Centros Ramón Piñeiro co gallo do seu nomeamento como profesora ad honorem.

 

O representante da Xunta de Galicia indicou que Mercedes Brea “pertence a unha xeración que sacou practicamente da nada a investigación en lingua e literatura galega e a levou aos niveis de cantidade, calidade e de recoñecemento de que hoxe goza”. En concreto, expresoulle á profesora Brea o agradecemento polo seu traballo “rigoroso, entusiasta e continuado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, ao que contribuíu a situar na vangarda investigadora”.

 

Canda o responsable de Política Lingüística tamén quixeron acompañar a catedrática no acto representantes da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro Ramón Piñeiro. Durante a homenaxe, que estivo amenizado polas cantigas de Manoele de Felisa, a homenaxeada recibiu tamén unha placa de prata en recoñecemento dos anos de traballo, así como un exemplar do libro conmemorativo.

 

Ademais, as profesoras da USC e discípulas de Brea, Déborah González e Pilar Lorenzo Gradín, presentaron o volume Vieiros trobadorescos, unha escolma de estudos da autoría da profesora Brea publicados ao longo da súa traxectoria e, especialmente, distintivos da súa investigación no ámbito da lírica galego-portuguesa.

 

Unha vida dedicada á docencia e á investigación

Esta homenaxe é un novo recoñecemento ao extenso percorrido académico da catedrática estradense que, durante varias décadas, liderou e promoveu a investigación sobre literatura medieval a través do frutífero proxecto Arquivo Galicia Medieval. Como directora da actividade Lírica profana galego-portuguesa, a súa figura foi decisiva para a posta en marcha da pioneira Base de datos da lírica profana galego-portuguesa (MedDB), accesible en liña desde 1996, e que serviu para que o Centro Ramón Piñeiro se situase á vangarda dos estudos de lírica medieval galega a nivel internacional. A esta importante ferramenta dixital desenvolvida baixo a súa dirección, seguiron outras dúas bases de datos igualmente destinadas a mellorar o coñecemento sobre a nosa literatura medieval: primeiro, a Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (BiRMED), publicada en 2006, e, máis recentemente, a innovadora Base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa (PalMed, 2021).

 

Ao longo do seu camiño como catedrática de Filoloxía Románica na Facultade de Filoloxía da USC, Mercedes Brea ten destacado pola súa faceta docente, investigadora e xestora, así como polo seu firme compromiso coa universidade. Nomeadamente, coordinou un grupo de investigación recoñecido polos seus méritos e logros no ámbito da Filoloxía e a Literatura Románica Medieval (GI 1350). Así mesmo, foi responsable da Acción COST IS1005 Medioevo Europeo (Medieval Cultures and Technological Resources) e foi coordinadora da Rede de Estudos Medievais Interdisiciplinares, que permitiu pór en relación a actividade de medievalistas de distintas disciplinas. Ademais, asumiu diversas responsabilidades na USC como directora do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, vicerreitora de Profesorado e decana da Facultade de Filoloxía.

 

Imaxes relacionadas