A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á rolda de prensa acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén

A Xunta participa na presentación do XVII Festival Internacional Rebulir

Esta cita terá lugar entre hoxe e o domingo no concello de Ramirás, con actuacións en Celanova e na cidade de Ourense

Ourense, 15 de decembro de 2022 A Xunta participou esta mañá na presentación da XVII edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) que se celebrará en distintas localidades da provincia de Ourense entre os días 15 e 17 de decembro. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, destacou que este evento contribúe a difundir e poñer en valor a cultura galega a través de diferentes manifestacións artísticas.

 

Durante a rolda de prensa, á que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a directora xeral sinalou que o Goberno galego colabora coa organización para axudar á posta en marcha desta iniciativa que ten como epicentro o concello de Ramirás, pero tamén organiza actuacións en Celanova e na cidade de Ourense.

 

Ademais, o FIR entregará coma en cada edición os Premios Rebulir Cultura Galega que este ano irán destinados á agrupación lucense Fuxan Os Ventos, ao actor e narrador lalinense Celso Fernández Sanmartín e ao escritor ourensán Xosé Luis Méndez Ferrín, en forma de homenaxe. Tamén haberá un recoñecemento á comunidade emigrante por parte da Xunta de Galicia e do Concello de Ramirás.  

 
A directora xeral apuntou que entre as actividades desta iniciativa atópase as actividades formativas interculturais que terán lugar no espazo xove de Ourense esta tarde. Entre elas atópase un foro co título ‘É posible a Interculturalidade?’ ou o obradoiro sobre Dinámicas de grupo para a xestión da diversidade.

Imaxes relacionadas