A Xunta convoca axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo ao sector agrogandeiro por un importe de 60.000 €

Os beneficiarios desta convocatoria son os titulares de explotacións inscritos no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), así como os propietarios de colmeas

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan axudas para paliar os danos ocasionados polo oso pardo ao sector agrogandeiro entre o 1 de outubro de 2022 e o 30 de setembro de 2023 por un importe de 60.000 euros.

Os beneficiarios desta convocatoria son os titulares de explotacións gandeiras inscritos no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), así como propietarios de colmeas, que se viran afectados.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde a entrada en vigor desta orde -mañá, 16 de decembro- no caso de danos comunicados entre o 1 de outubro e da data de publicación desta orde. No que respecta aos danos ocasionados tras a convocatoria destas axudas, os interesados terán un mes contado a partir do día seguinte da comunicación do dano.

Nesa liña, as persoas interesadas deben comunicar o dano á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no prazo máximo de 3 días despois de terse producido. Para levar a cabo esa comunicación, poden chamar ao teléfono 012 desde as 8,00 h. ás 20,00 h. de luns a venres, e desde as 8,00 h. ata as 17,30 h. os sábados. Para os danos sufridos entre as 17,30 h. dos sábados e as 8,00 h dos luns, o prazo será de 24 horas a contar desde as 20,00 h. do domingo.

A orde recolle a posibilidade de sufragar os gastos veterinarios das reses que resulten feridas e, de ser necesario no caso de sufrimento grave e irreparable, tamén cubrirá os gastos de eutanasia acreditados e realizados de forma regrada por un profesional. Novamente, serán subvencionables os abortos que sufran as reses, como consecuencia do acto de depredación e tras a correspondente acreditación veterinaria.

Esta é a terceira vez que se convoca esta liña de axudas e dá continuidade ás de 2021 e 2022, que se pecharon coa concesión dun total de 42 axudas.