A Xunta prevé contar con ata 30 fogares no primeiro programa de acollemento familiar especializado

Esta proposta require que, polo menos, un dos membros da familia teña unha cualificación profesional específica
 

Diríxese, principalmente, a menores en situación de desprotección con dificultades de conduta, especiais problemas de saúde ou outras necesidades específicas
 

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2022

A primeira experiencia de acollemento familiar especializado que se realizará márcase como obxectivo conseguir que ata 30 fogares se unan a este programa. Así o anunciou hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.

 

Na súa intervención, o director xeral explicou que este tipo de acollemento especializado é desenvolvido por familias nas que, polo menos, un dos proxenitores dispón dunha cualificación profesional específica para realizar este labor, ou ben conta con experiencia e formación neste ámbito. Ademais, indicou que esta proposta vai dirixida, principalmente, a menores que, á súa situación de desprotección, se lle suman dificultades de conduta, especiais problemas de saúde ou outras necesidades específicas.

 

Jacobo Rey apuntou que este programa pioneiro se porá en marcha a través dun concerto social cunha entidade especializada neste eido, que será a encargada de seleccionar ás familias, xestionar os acollementos e realizar un plan de intervención e seguimento.

 

Coa posta en marcha desta experiencia piloto, Galicia súmase a unha modalidade que se está empezando a levar a cabo nalgunhas Comunidades Autónomas, como País Vasco, Navarra, Valencia ou Canarias.

 

Impulso ao acollemento

Jacobo Rey destacou a aposta que a Xunta de Galicia fai por este sistema de protección dos nenos e adolescentes nos orzamentos de 2023, xa que inclúen a aprobación do primeiro Plan de impulso ao acollemento familiar de Galicia, que levará a incrementar as axudas que reciben estas familias nun 20%.