Lorenzana gaba o traballo dos Centros de Información á Muller que nos últimos dez anos atenderon máis de 650.000 consultas de mulleres

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou o IV Plan de formación do persoal destes centros que contan con 246 profesionais

A Xunta destinará máis de 46 M€ en 2023 a apoiar o seu funcionamento, e impulsar a mellora das infraestruturas xa existentes e a creación de novas para que ningunha muller se sinta desamparada resida onde resida

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe ante máis de 100 persoas a xornada Rede CIM: a importancia do autocoidado entre o persoal -enmarcada na IV edición do Plan de formación do persoal dos Centros de Información á Muller (CIM) que promove este departamento da Xunta de Galicia- onde avogou por estes centros como dinamizadores dos recursos de atención ás mulleres e ás vítimas da violencia de xénero.

Lorenzana gabou o traballo preventivo e de sensibilización desenvolvido polos 84 CIMs despregados pola xeografía galega e que dan cobertura universal e gratuíta a 193 concellos. O propósito, aseverou a conselleira, segue a ser ampliar esta rede para acadar unha cobertura do 100 %, “para que ningunha muller se sinta desamparada, para que a información útil e veraz sobre a materia que nos atinxe chegue a concienciar ao 100 por cento da poboación”.

Nos CIM galegos traballan na actualidade 246 persoas que nos últimos dez anos atenderon máis de 650.000 consultas, a maior parte relacionadas coa atención psicolóxica, ás que se suman outras de asesoramento xurídico,  información de recursos, orientación ao emprego, ou información de cursos, xornadas e actividades, entre outras. Dese conxunto, máis de 100.000 permitiron atender vítimas da violencia de xénero.

Consciente da necesidade dos CIM, o Goberno galego leva investidos nestes centros desde o ano 2009 máis de 42,3 millóns de euros para o seu apoio e funcionamento. En 2023 destinaranse 4,1 millóns de euros para posibilitar a creación de máis infraestruturas e mellorar as xa existentes.

O ano que ven crearase unha liña de axudas para que os concellos poidan investir novos recursos na mellora das infraestruturas e equipamentos nos centros e que estará dotada con 1,4 millóns de euros, indicou a titular de Promoción do Emprego.

A Xunta de Galicia dispón os instrumentos necesarios e unha cualificación “transversal e interseccional en igualdade” que, tal e como explicou Lorenzana, incorpora programas específicos favorables para o intercambio de experiencias entre o persoal dos CIM.

O IV plan de formación para os CIM que se estreou o pasado 2 de novembro e remata hoxe, abrangueu temáticas de índole diversa que culminaron cos relatorios de expertas acerca dos autocoidados do persoal.

Lorenzana amosou o seu apoio á suma de coñecementos para mellorar a atención e o traballo de intervención das profesionais que traballan en contacto directo coas vítimas e as súas contornas. Como “recurso clave na primeira liña de acción”, indicou a Conselleira, a Xunta prima a saúde mental e as necesidades das persoas que traballan nos CIM.

 

Imaxes relacionadas