Galicia e Norte de Portugal amplían a súa colaboración transfronteiriza ao ámbito das urxencias sanitarias

Asinado un memorando para a mellora do seguimento e a continuidade asistencial do paciente, independentemente de onde ocorra o suceso


Esta colaboración dá continuidade á iniciada no eido das emerxencias e a protección civil cos proxectos ARIEM
 

Valença, 14 de decembro de 2022

  Galicia e Norte de Portugal amplían a súa colaboración transfronteiriza no ámbito das urxencias sanitarias, logo da sinatura, no día de hoxe, dun Memorando de entendemento entre o Instituto Nacional de Emerxencia Médica I.P. e a Consellería de Sanidade. Ao acto de sinatura, que correu a cargo do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e do presidente do antedito Instituto, Luís Meira, tamén asistiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo.

Tal e como sinalou o conselleiro de Sanidade, dende o ano 2014 existe un Protocolo de colaboración transfronteiriza entre a Administración Rexional de Saúde do Norte de Portugal e a Xunta de Galicia, para actuar conxuntamente ante determinadas emerxencias. “Agora ampliamos esa colaboración ao ámbito das urxencias sanitarias”, remarcou Comesaña.

A ampliación da colaboración supón avances significativos, entre os que o conselleiro galego citou o establecemento das bases sobre as que se efectuarán as actuacións en caso de necesidade de asistencia sanitaria urxente. Así mesmo, facilítase a continuidade da asistencia no territorio que dedica o paciente, se as necesidades sanitarias da persoa usuaria asistida e o criterio médio o permiten. En consecuencia, “mellórase o seguimento e a continuidade asistencial do asistido, independentemente de onde ocorra o suceso e optimízanse os recursos de ambos territorios, no caso de incidentes con múltiples vítimas”, -remarcou Comesaña-.

Traballo conxunto

Na súa intervención no acto de sinatura, o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que, hai polo menos doce anos, que Galicia e Portugal traballan conxuntamente en materia de emerxencias, una colaboración que se materializou no proxecto ARIEM 112 e posteriormente no ARIEM Plus. De feito, “leváronse a cabo simulacros para ensaiar as actuacións conxuntas entre ámbolos dous territorios”.

 

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, “estes traballos conxuntos foron fundamentais para a elaboración de protocolos de actuación e pactos de axuda mutua”, e os datos confirman a importancia destes protocolos, posto que en materia de asistencia transfronteiriza, e no que vai de ano, recibíronse, -proseguiu o conselleiro-, 28 chamadas de teléfonos portugueses na Central de coordinación galega por problemas de saúde de cidadáns na zona transfronteiriza, a cifra máis alta dos últimos tres anos.

Segundo incidiu Comesaña, “estas chamadas terán unha resolución máis efectiva coa sinatura do memorando”, porque permitirá, no caso de ser necesario polo problema de saúde e conforme á dispoñibilidade dos recursos, o traslado ao país de procedencia do paciente, sempre despois dunha valoración polo persoal sanitario do 061.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro galego dixo que “esta cooperación será frutífera e servirá para optimizar os recursos destes territorios, dando lugar a unha atención máis eficiente dos nosos cidadáns”.

Imaxes relacionadas