Trenor informa a Teletaxi da nova orde de axudas por importe de 500.000 € para incentivar a adquisición de taxis adaptados e de emisións cero ou eco

Destinaranse 300.000 € á compra de taxis adaptados, 140.000 € para vehículos de baixas emisións e 60.000 € para taxis de emisións cero


Os inventivos son de ata 4.000 € para os taxis de baixas emisións, 6.000 € para vehículos de emisións cero e 10.000 € para coches adaptados á mobilidade reducida


O prazo de presentación de solicitudes esténdese ata o 14 de outubro do vindeiro ano
 

A Coruña, 14 de decembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, reuniuse con representantes da asociación de Teletaxi e co seu novo presidente, Ricardo Villamizar, para analizar a situación do sector e para informarlle das últimas axudas que o Goberno galego destina a este colectivo. Trenor destacou a importancia desta entidade que representa a máis de 400 afiliados e que leva moitos anos defendendo os intereses deste sector.

 

O representante do Goberno galego informoulles que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria para incentivar a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, e de emisións cero ou categoría ECO, que suporán un investimento de 500.000 euros.

 

Estes apoios van dirixidos aos titulares de autorizacións administrativas de transporte vixentes, documentadas en tarxetas da serie VT-N, expedidas pola Dirección Xeral de Mobilidade.

 

O obxectivo da Xunta é reforzar a aposta do sector do taxi pola inclusión social, financiando a adquisición de vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade e sumar aos profesionais do taxi á loita contra o cambio climático, dotándoos de vehículos menos contaminantes.

 

A liña para a compra de taxis adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida, os chamados eurotaxis, está dotada con 300.000 euros; para a adquisición de taxis de baixas emisións resérvase unha partida de 140.000 euros; e os 60.000 euros ata completar o importe desta convocatoria irá destinada a financiar taxis de cero emisións.

 

Estes incentivos, que son compatibles entre si, ascenden a 10.000 euros para o caso da compra de eurotaxis; a 6.000 euros para vehículos de emisións cero; e a 4.000 euros para a compra de taxis de baixas emisións.

 

Os prazos serán diferentes para as distintas liñas de incentivos. No caso das axudas para taxi de emisións cero ou ECO poderán ser obxecto de subvención os vehículos novos que se adquiran entre o 15 de xullo de 2022 e o 31 de outubro de 2023.

 

Ás axudas da liña de taxis adaptados á mobilidade reducida poderán acceder os vehículos que xa foran adquiridos, en calquera momento, sempre que manteñan o compromiso da actividade, a lo menos de cinco anos. Ademais, tamén poden solicitalo os vehículos novos que se adquiran con posterioridade. En todo caso, a data límite para a adquisición do vehículo será tamén o 31 de outubro de 2023.

 

Ademais, os beneficiarios da subvención asumen a obriga de ter adscrito o vehículo á autorización de transporte da serie VT-N antes do 1 de xullo de 2024.

 

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e esténdese ata o 14 de outubro do vindeiro ano. Nos seguintes enlaces ao DOG pode consultarse toda a información: https://acortar.link/TbDLcm   https://acortar.link/MK2Ixo

 

A Xunta, desde 2016, leva concedidos incentivos ao sector do taxi por 4,5 millóns de euros que facilitaron a compra dun total de 745 vehículos. En concreto, baixo estes incentivos adquiríronse 254 vehículos adaptados, 461 taxis de baixas emisións e 30 de emisións cero.

 

Con estas axudas, o Goberno galego apoia aos profesionais do taxi, un sector que en Galicia dá emprego a máis de 3.600 familias e que, pese ás dificultades, fai un esforzo de adaptación continuo.

 

Imaxes relacionadas