A conselleira do Mar presidiu o pleno do Consello Galego de Pesca no que se analizaron as posibilidades de pesca fixadas para 2023 e outros asuntos de actualidade do sector

A Xunta acompañará o sector pesqueiro galego na súa demanda contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas

A titular de Mar anunciou que o Consello do Executivo galego vai aprobar mañá un acordo para que a comunidade interveña como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela
 

A Administración galega ten seis semanas de prazo para sumarse á demanda unha vez que saia publicada no Diario Oficial da Unión Europea, o que permitirá intervir no proceso, responder aos argumentos de Bruxelas e reforzar os do sector
 

Galicia avanza así na estratexia xurídica marcada polos distintos expertos consultados e reforza o apoio ao sector e ao Goberno central, aos que xa aportou os argumentos xurídicos e técnicos recompilados para que os seus recursos prosperen
 

Rosa Quintana subliñou que o resultado do Consello de Ministros da UE desta semana é negativo para Galicia pois apenas supuxo melloras en relación coa proposta inicial de Bruxelas e complica a actividade da frota de cerco do Cantábrico e Gran Sol ao establecerse unicamente unha cota de xurelo para capturas accesorias
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022

  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Pesca no que se analizou o resultado do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se fixaron os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas de 2023 en augas europeas e tamén outros asuntos de actualidade do sector como o veto á pesca de fondo. Neste sentido, a titular de Mar anunciou que a Xunta acompañará como parte coadxuvante á Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) no recurso que presentou contra o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea.    

Rosa Quintana avanzou que o Consello da Xunta de mañá vai aprobar un acordo para que a comunidade interveña no proceso, o que lle permitiría responder aos argumentos da parte demandada -Bruxelas- e reforzar os da parte demandante, a OPP-7.

A representante do Executivo galego explicou que hai seis semanas de prazo para sumarse á demanda do sector unha vez que esta saia publicada no Diario Oficial da Unión Europea. Posteriormente será o Tribunal Xeral da Unión Europea o que deberá decidir sobre a demanda de intervención e, no caso de ser admitida, establecerá o prazo para a súa formalización.

A Xunta intensifica así o apoio que vén brindando desde o principio neste asunto tanto ao sector marítimo-pesqueiro afectado como ao Goberno central, que xa presentou o seu recurso. De feito, Galicia aportou ás dúas partes -Estado e frota- os argumentos técnicos e xurídicos necesarios para fundamentalo co obxectivo de que prospere.

A titular de Mar explicou que Galicia segue así os pasos marcados polos distintos expertos xurídicos consultados, que inciden en que un recurso liderado en solitario por unha comunidade autónoma tería poucas posibilidades saír adiante. Neste sentido, subliñan que a demanda do Estado é a mellor opción -pois é un actor privilexiado e ten máis fácil xustificar e fundamentar que é unha medida que prexudica os seus intereses- ao tempo que tamén cabe a posibilidade de que se presenten recursos individuais dos armadores afectados, como o da OPP-7.

Rosa Quintana incidiu en que Galicia vai seguir apoiando ao sector no seu obxectivo de facer fronte a unha medida que no seu primeiro mes de vixencia provocou un descenso das capturas do palangre de fondo de Gran Sol do 50% e dun 20% na facturación.

Outros asuntos

O pleno do Consello Galego de Pesca tamén analizou outros asuntos como o resultado do Consello de Ministros de Pesca da UE, sobre o que a conselleira indicou que Galicia só pode facer un balance negativo pois o acordo acadado apenas supón melloras en relación coa proposta inicial realizada por Bruxelas. Neste sentido, lembrou o caso do xurelo no Cantábrico e augas de Gran Sol, para o que se estableceu un TAC de 15.000 toneladas (3.000 para España) e condicionadas á pesca accesoria, o que pode complicar a actividade da frota de cerco galega que faena neses caladoiros.

Os representantes do complexo mar-industria galego tamén aprobaron o ditame elaborado polo grupo de traballo creado co obxectivo de analizar o Proxecto de Lei de Pesca Sostible e Investigación Pesqueira do Estado, sobre o que a conselleira apuntou que ten importantes eivas e que precisa importantes axustes para atender as necesidades do sector marítimo-pesqueiro galego. 

Imaxes relacionadas