A Xunta abrirá o 2 de xaneiro o prazo para solicitar as axudas para o alugueiro de vivenda

A convocatoria, dotada cun orzamento global de 13,75 M€, prevé axudas que poderán acadar os 300 € ao mes e se concederán por 1 ano, prorrogables ata un máximo de 5


O importe máximo do contrato de arrendamento será de ata 600, 500 ou 400 € mensuais, segundo o concello no que se emprace a vivenda
 

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022

A Xunta de Galicia abrirá o vindeiro 2 de xaneiro o prazo para a presentación de solicitudes de axudas para o alugueiro de vivenda, segundo a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, que tamén explica que permanecerá aberto ata o día 5 de maio de 2023 ou o esgotamento da partida orzamentaria.

 

Ao abeiro desta convocatoria, dotada cunha partida global de 13,75 millóns de euros, a Xunta concederá no próximo ano axudas de ata 300 euros mensuais para o pago do alugueiro ás persoas cuxa renda non supere 3 veces o Iprem (24.318,84 euros), límite que se incrementa ata 4 ou 5 veces no caso de familias numerosas ou con persoas con discapacidade. Tamén deberán acreditar uns ingresos mínimos de 0,5 veces o Iprem.

 

O importe da axuda será do 50% da renda establecida no contrato, excluídos os gastos de comunidade e a renda de anexos como garaxes ou rochos. A resolución limita a renda máxima das vivendas que poderán acollerse a este financiamento. Será de 600 euros nas 7 grandes cidades, de 500 euros nos concellos da zona territorial 1 (que agrupa as principais vilas e concellos de carácter urbano) e de 400 euros nos concellos da zona territorial 2, na que se inclúen os concellos de carácter rural.

 

No caso de que as persoas inquilinas sexan membros de familias numerosas e estean todas elas empadroadas na vivenda ou sexan integrantes dunha unidade de convivencia que precise unha vivenda adaptada para algún dos seus membros, o prezo máximo do alugueiro poderá incrementarse nun 20 por cento.

 

As axudas concederanse por un prazo de 12 meses, coa opción de ser renovadas anualmente ata un máximo de 5 anos. A concesión poderá realizarse con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2023 ou dende a data de sinatura do contrato, en caso de ser posterior.

 

A maiores, os solicitantes deberán contar cun contrato de alugueiro cunha duración mínima dun ano e a vivenda arrendada será a súa residencia habitual e permanente.

Imaxes relacionadas