A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou as instalacións do futuro centro

Fabiola García anuncia a creación dun punto de encontro familiar para a comarca do Deza

Permitirá que as familias e os menores de idade non teñan que trasladarse ducias de quilómetros para realizar as visitas establecidas polo réxime xudicial
 

Converterase no décimo centro destas características xunto cos existentes nas sete cidades, na comarca do Barbanza e o anunciado para a comarca da Mariña
 

O Goberno galego avanza no seu propósito de chegar aos 14 PEF por toda a Comunidade e achegar así estes recursos ao maior número de familias posible
 

Lalín (Pontevedra), 14 de decembro de 2022  A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou esta mañá a creación dun Punto de Encontro Familiar (PEF) para a comarca do Deza. Será o décimo centro desta tipoloxía en toda a Comunidade e permitirá que as familias e os menores non teñan que trasladarse ducias de quilómetros para facer as visitas establecidas polo réxime xudicial.

A conselleira explicou que este importante recurso garante a protección dos menores de idade cuxos proxenitores se atopan nunha separación conflitiva. Coa creación deste décimo PEF, o Goberno galego avanza cara o propósito de chegar aos 14 centros por toda Galicia. Nestes momentos están en funcionamento os PEF das sete cidades e o do Barbanza e estanse avanzando noutros centros comarcais coma este do Deza ou o xa anunciado para a Mariña.
 
Fabiola García concretou que este centro do Deza dará cobertura non só aos seis concellos da comarca, senón a todas aquelas familias que pola súa situación xeográfica prefiran achegarse a estas instalacións pola súa proximidade. Así mesmo, lembrou que o Goberno galego conta cunha sólida rede de protección á infancia que permite identificar, previr e actuar sempre que o benestar dun menor se poida ver afectado

Imaxes relacionadas