A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

Agárdase mar combinada do oeste con ondas de ata 6 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.   

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a primeiras horas da xornada de mañá no noroeste e oeste do litoral da Coruña estendéndose ao suroeste da costa coruñesa e a de Pontevedra por mar combinada do oeste con ondas de ata 6 metros.

Na Mariña lucense a alerta será amarela por mar combinada do oeste e ondas de ata 5 metros. Tamén será de nivel amarelo o aviso no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra por ventos do suroeste forza 7.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.