Lorenzana subliña o éxito da formación apoiada pola Xunta para garantir o relevo xeracional no traballo artesán exercido polas redeiras

Grazas a un convenio subscrito en 2022 coa Federación Galega de Redeiras Artesás, ‘O Peirao’, 60 mulleres formáronse para exercer este oficio

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro con representantes da Federación no que puxo en valor esta ocupación altamente feminizada e avogou pola súa profesionalización

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao na que fixo balance moi positivo dos resultados do convenio para a formación non formal nesta arte que, coa participación de 60 mulleres, dá esperanzas cara ao relevo xeracional neste oficio. 

A titular de Promoción do Emprego e Igualdade puxo en valor a colaboración co colectivo de redeiras para dotar a persoas empregadas e desocupadas de competencias para exercer este traballo e avogou pola profesionalización deste sector altamente feminizado, polas mellora das súas condicións sociolaborais e polo reforzo da actividade inspectora contra o intrusismo que lle afecta.

A colaboración coa Federación contou en 2022 cunha inxección de case 220.000 euros por parte da Xunta de Galicia. O convenio forma parte dos nove asinados o pasado ano con entidades representativas de sectores estratéxicos, da man de clústeres e asociacións sectoriais, nos que estiveron representados, ademais das redeiras, o naval, o sector TIC, a automoción, o metal, enerxías renovables, a construción, o comercio e a saúde.

O último Consello do Goberno galego, de feito, declarou como prioritarias estas formacións dirixidas a persoas ocupadas e desempregadas en sectores económicos e proxectos industriais estratéxicos para contribuír, con elo, a dar cobertura ás vacantes existentes na actualidade.

Lorenzana destacou tamén o traballo desta entidade creada para dignificar a profesión de mariscadora e sacar á luz a realidade das profesionais redeiras. Tal e como dixo, O Peirao calcula que existen 600 traballadoras no sector, das que 500 exercen en Galicia.

 

Imaxes relacionadas