A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda presentou hoxe esta nova ferramenta

A Xunta lanza unha nova ferramenta para calcular as axudas máis axeitadas para un maior aforro e unha mellor eficiencia enerxética nas vivendas galegas

Permitirá realizar unha simulación sobre un inmoble concreto xerando propostas de actuación para a mellora enerxética das vivendas, unha estimación de custos desas propostas e as axudas ás que se pode optar para executalas


Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego por axudar a reducir os consumos dos fogares sen renunciar ao confort
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

A Xunta presenta unha nova ferramenta que permitirá á cidadanía calcular as axudas máis axeitadas para acadar un maior aforro e unha mellor eficiencia enerxética nas súas vivendas, segundo explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Esta nova ferramenta, dirixida a todas as persoas interesadas na rehabilitación enerxética de inmobles residenciais -propietarios, administradores, construtores, arquitectos, aparelladores, etc.-, ten como obxectivo fundamental axudar á cidadanía a obter o máximo beneficio das axudas en materia de eficiencia enerxética.

 

Nesa liña, esta aplicación permitirá realizar unha simulación sobre un inmoble concreto xerando propostas de actuación para a mellora enerxética das vivendas, unha estimación de custos desas propostas e as axudas ás que se pode optar para executalas. Así, “a cidadanía poderá ter datos que faciliten a toma de decisións á hora de levar a cabo as actuacións máis eficientes ou máis axeitadas nas súas residencias”, aseverou a conselleira.

 

O simulador estará accesible de forma gratuíta a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) desde hoxe e nos próximos días poderase descargar como aplicación en dispositivos móbiles.

 

O procedemento é moi sinxelo xa que se trata de ir cubrindo sucesivas preguntas de xeito moi intuitivo. O inmoble sobre o que se quere facer o cálculo poderase identificar introducindo o enderezo do mesmo ou a súa referencia catastral. De feito, o simulador emprega para o seu funcionamento datos extraídos do catastro; a modelización de edificios e das súas tipoloxías construtivas; a tipificación de actuacións de mellora que se poden realizar, e información aportada polo usuario.

 

A maiores, a ferramenta contén un directorio de empresas, profesionais, técnicos e axentes ou xestores de rehabilitación, que poden inscribirse voluntariamente a través dun formulario incluído na páxina web que transfire os datos á aplicación. Cómpre salientar que estes datos só teñen carácter informativo e non acreditan a calidade dos traballos.

 

Esta iniciativa enmárcase na aposta do Goberno galego por axudar a reducir os consumos dos fogares sen renunciar ao confort. Tal e como lembrou a conselleira, no ano 2022 convocáronse axudas por un importe de 52,4 millóns de euros e en 2023 darase continuidade a este compromiso cun orzamento previsto de 41,3 millóns de euros para os programas de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas e accesibilidade.

Imaxes relacionadas