A Xunta licita a redacción do proxecto da reforma integral do centro de saúde da Milagrosa de Lugo, cuxas obras suporán un investimento de 2,5 M€

Vázquez Mourelle salienta a modernización completa do centro, adaptando o edificio aos criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética, resolvendo os problemas de accesibilidade e redistribuíndo os espazos para a mellor prestación sanitaria


O obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas, 1 de urxencias e outra de toma de mostras


As empresas interesadas neste contrato teñen ata o 17 de xaneiro para presentar as súas ofertas
 

Lugo, 13 de decembro de 2022

A Xunta licitou hoxe a redacción do proxecto da reforma integral do Centro de Saúde da Milagrosa de Lugo, cuxas obras comezarán suporán un investimento autonómico de 2,5 M€.

Así o adiantou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o xerente de área sanitaria, Ramón Ares, e representantes da área sanitaria da provincia, coincidindo coa licitación dos traballos que deben dar forma á completa reforma deste centro de saúde.

Vázquez Mourelle sinalou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio da contratación da redacción do proxecto básico e execución do futuro centro de saúde da Milagrosa por un importe de case 175.000 €.

As empresas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 17 de xaneiro para presentar as súas ofertas a este contrato, que ten un prazo de execución de 28 meses, xa que abrangue a dirección das obras ata a súa completa finalización.

A conselleira apuntou que o obxectivo desta actuación é reordenar os espazos e acometer unha reforma integral que permita modernizar e acabar coas deficiencias deste centro de saúde, cuxas instalacións, dixo, a día de hoxe están obsoletas.

Ethel Vázquez lembrou que se trata dun equipamento con 48 anos de antigüidade que ocupa un antigo sanatorio, con 1.500 m2 de superficie construída nun edificio de 4 andares que presenta problemas de accesibilidade, funcionalidade e tamaño nos espazos asistenciais, tanto de consultas como de salas.

Por iso, incidiu, a  Xunta quere ir máis alá dunha mera reorganización de usos e acometer unha actualización completa que permita adaptar o edificio aos actuais criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética. Para iso está prevista a renovación e adecuación do illamento da envolvente exterior, coa renovación e mellora funcional das fachadas e das cubertas, ademais das instalacións.

A titular de Infraestruturas apuntou que coa intervención resolveranse, ademais, os problemas de accesibilidade, tanto no propio acceso ao edificio como nas comunicacións internas, tanto verticais como horizontais. Deste xeito, a mellora da accesibilidade non só será para os peóns, senón que tamén se dotará este centro de saúde da Milagrosa dun espazo axeitado para a entrada da ambulancia baixo teito e un lugar para dispoñer de cadeiras de rodas e padiolas á disposición dos pacientes que o necesiten. Ademais, habilitaranse aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

Segundo explicou a conselleira, tamén se levará a cabo unha redistribución de espazos para garantir a prestación sanitaria nas mellores condicións, tanto para os traballadores como para os pacientes.

Ethel Vázquez inforou de que o obxectivo da Xunta é dotar o centro de saúde da Milagrosa de 6 consultas de medicina xeral e outras tantas de enfermería; 2 salas de docencia; 1 despacho de traballo social; 2 salas polivalentes; 1 sala de técnicas; 1 de urxencias; e 1 de toma de mostras.

Tamén se disporá unha área de admisión e zonas para o persoal, mellorando espazos existentes como o de coordinación ou sala de xuntas, e incorporando outros novos, como a sala de estar ou o vestiario.

En definitiva, tal e como resumiu a conselleira, levarase a cabo unha completa reforma do centro de saúde da Milagrosa, adaptando as súas instalacións ao século XXI, optimizando espazos e asegurando a eficiencia enerxética e a accesibilidade cun investimento da Xunta previsto en 2,5 M€.

A titular de Infraestruturas remarcou que este novo paso no camiño da mellora e do reforzo das infraestruturas sanitarias en Lugo faise xusto cando se afrontan a recta final para a posta en servizo, nos primeiros meses de 2023, das obras do que será o 1º Centro Integral de Saúde de Galicia, no Barrio da Residencia.

Apuntou que ese equipamento sanitario de vangarda, no que a Xunta está a investir 12 millóns de euros, concentrará unha serie de servizos e permitirá alixeirar a carga asistencial do centro de saúde da Milagrosa.

Ethel Vázquez tamén referiu a aposta da Xunta por construír un novo centro de saúde no Sagrado Corazón. Sinalou que se trata dunha infraestrutura identificada como prioritaria pola Consellería de Sanidade pero que está, desde hai xa bastante tempo, esperando a que o Concello de Lugo ceda a parcela axeitada para a execución desas obras.

Imaxes relacionadas