A Xunta destinará máis de 20 M€ en 2023 a colaborar co tecido empresarial galego para manter o mellor ciclo exportador da súa historia

O director do Igape, Fernando Guldrís, participa na presentación do Centro de Seguimento de Licitacións Internacionais na Confederación de Empresarios de Galicia


A través desta iniciativa, que forma parte da Estratexia de Internacionalización que está a desenvolver o Goberno galego, achegarase información sobre contratación pública internacional co obxectivo de prestar apoio na presentación de ofertas competitivas no acceso a proxectos internacionais
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe en Santiago de Compostela na presentación do Centro de Seguimento de Licitacións Internacionais, unha plataforma en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a través da cal se achegará información sobre contratación pública internacional co obxectivo de prestar apoio ás empresas galegas na presentación de ofertas competitivas no acceso a proxectos internacionais. Un centro que, tal e como sinalou Guldrís, actuará como “panca que axudará a mellorar a competitividade do noso tecido produtivo e facilitará a súa internacionalización”.

 

Na súa intervención, o director do Igape puxo en valor o traballo que está a realizar o Goberno galego para colaborar co tecido empresarial na procura de novos mercados. Un esforzo que, como indicou, reforzarase no 2023 ao destinar a Xunta máis de 20 millóns de euros a colaborar coas empresas galegas para “manter o mellor ciclo exportador da súa historia”. Neste sentido, Guldrís destacou a Estratexia de Internacionalización posta en marcha pola Xunta, unha completa folla de ruta que aposta polo fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento e a difusión dos casos de éxito.

 

“Este compromiso enmárcase na mencionada Estratexia de Internacionalización na que se inclúen iniciativas como os programas Galicia Exporta, as misións en colaboración coas Cámaras de Comercio, os programas de xestores e bolseiros de internacionalización, as antenas comerciais, ou o propio servizo para o acceso ás licitacións internacionais do que hoxe estamos dando conta”, concluíu Guldrís.

 

Deste xeito, proseguiu o director do Igape, a Xunta aspira a mellorar os rexistros “históricos” que están a acadar as exportacións galegas, que nos primeiros nove meses do ano superaron xa os 22.000 millóns de euros. “Galicia sitúase como a cuarta comunidade na que máis medran as exportacións no que levamos de 2022 e bate de novo rexistros históricos tanto no que respecta ao período xaneiro-setembro como no tocante ao mes de setembro con respecto a setembro de 2021”, resaltou o director do Igape.