O titular do Goberno galego participou nos actos do 50 aniversario do CEIP Antonio Palacios

O Goberno galego aumenta o investimento no ensino para seguir mellorando o “magnífico nivel” de Galicia

Os orzamentos do 2023 destinarán 2.793 M€ ao ensino galego, a cantidade máis alta da súa historia
 

Defende que investir en educación “sempre é rendible” e advirte que un país é avanzado cando así o fai
 

O Porriño (Pontevedra), 13 de decembro de 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe o aumento do investimento do Goberno autonómico no ensino galego nos Orzamentos do ano que vén para seguir mellorando o “magnífico nivel educativo de Galicia”, en referencia a que os de 2023 destinarán 2.793 millóns de euros a esta materia, a cantidade máis alta da súa historia.

“Miramos moito para fóra e pouco para dentro. E se o facemos, debemos estar moi orgullosos”, valorou Rueda sobre a calidade actual da ensinanza na Comunidade galega durante a súa participación nos actos do 50 aniversario do CEIP Antonio Palacios, no Porriño.
 
Precisamente, considerou que un percorrido polo medio cento ano de vida deste centro educativo demostra o “moitísimo que se mellorou” na ensinanza “e máis que se ten que mellorar”, engadiu. Por este motivo, amosou o compromiso do Goberno galego e da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en particular, de seguir priorizándoa, “porque investir en educación sempre é rendible. Sae devolto moitísimo máis”, defendeu ao tempo que advertiu que “un país é avanzado, entre outras cousas, porque inviste en educación”.
 

Neste senso, puxo en valor o importante papel que desenvolven os profesionais do sistema educativo, xa que admitiu que “por moitos investimentos ou melloras dos centros” que realice a Xunta, esta mellor da calidade educativa “sería imposible sen a vocación” do persoal docente. Precisamente, agradeceulles aos mestres e mestras a súa vocación, implicación e esforzo “en mellorar na transmisión de coñecementos e de entender os cambios do mundo”, en referencia á incorporación ao longo destes anos de novas materias a impartir nos centros vencelladas coa tecnoloxías e cos idiomas.

O compromiso da Xunta cunha educación de calidade deu os seus froitos nos últimos anos, de aí que Galicia lograra reducir a taxa de abandono escolar ao mínimo histórico -do 25,8% en 2009 ao 8,1% no 2021- e que sexa líder en diferentes apartados do informe PISA (Programa para a avaliación internacional dos estudantes), como o coñecemento matemático, o dominio das ciencias ou a competencia lectora. E tan importante como eses resultados é o feito de que Galicia sexa a Comunidade autónoma máis inclusiva de España, onde o 93% do alumnado con necesidades especiais vai a un centro de educación ordinario.
 
O presidente da Xunta garantiu que o Goberno galego seguirá na mesma senda e tamén se comprometeu a seguir “escoitando” a comunidade educativa, tal e como asegurou que se está a facer por parte da Consellería de Educación.

Imaxes relacionadas