A Xunta executará un aparcadoiro disuasorio gratuíto con 72 prazas en Nigrán cun investimento de preto de 685.000 euros

Habilitarase un aparcadoiro tipo carpooling no enlace da PO-340 coa autoestrada do Val Miñor e adxacente á peaxe da saída A Ramallosa-Gondomar co obxectivo de fomentar o uso do vehículo compartido

Reservaranse 2 prazas para persoas con mobilidade reducida e disporanse 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos

A Xunta somete hoxe a información pública este proxecto, xunto co do novo aparcadoiro disuasorio de 82 prazas no núcleo de Ameal, en Marín, aos que os interesados poderán formular achegas durante 30 días hábiles, contados desde mañá

O Goberno galego ten previsto habilitar un total de 1.500 prazas en aparcadoiros disuasorios conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo e con itinerarios peonís e ciclistas
 

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A Xunta executará un aparcadoiro disuasorio gratuíto con 72 prazas en Nigrán, que suporá un investimento autonómico de preto de 685.000 euros e conta cun prazo de execución de 9 meses. 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción deste aparcadoiro disuasorio en Nigrán para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na comarca do Val Miñor. 

A intervención proxectada pola Xunta céntranse na execución dun aparcadoiro tipo carpooling nun recheo existente no enlace da estrada autonómica PO-340 coa autoestrada do Val Miñor, AG-57, e adxacente á peaxe da saída 9-10 (A Ramallosa-Gondomar). O aparcadoiro terá o acceso desde a estrada PO-340.  

O novo aparcadoiro, que busca facilitar o emprego do vehículo compartido e reducir a presenza dos coches no centro da vila, situarase na zona próxima ao punto quilométrico 8+800 e contará cunha superficie total de 3.500 m².  

Disporá dun total de 72 prazas, todas en batería, 2 delas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida, ademais de dispor de 3 puntos de recarga para vehículos eléctricos.

 O novo aparcadoiro contará, ademais, dunha franxa perimetral interior adxacente ás prazas para os itinerarios peonís e carrís de circulación dun mínimo de 3 metros de ancho e de sentido único.
 
 No centro do aparcadoiro e na zona norte proxéctanse zonas verdes para a colocación de arborado e alumeado, que irán separadas das prazas por un bordo. 

O anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia recolle a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización deste aparcadoiro disuasorio en Nigrán.  

Do mesmo xeito, hoxe tamén se somete ao trámite de información pública o proxecto para executar un novo aparcadoiro disuasorio de 82 prazas na contorna do enlace da variante de Marín (VG-4.4) coa estrada provincial EP-1202, cerca do núcleo de Ameal, no concello de Marín, que suporá un investimento de máis de 610.000 euros e está incluído nun mesmo contrato.

 Todas as persoas interesadas poderán formular observacións aos proxectos durante 30 días hábiles, que comezarán a contar a partir de mañá. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio publicado hoxe: https://acortar.link/MztbUB
 
 O Goberno galego segue a traballar a favor da mobilidade sostible, impulsando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas. En conxunto, a Xunta ten previsto habilitar un total de 1.500 prazas de aparcadoiros disuasorios.
 

Estas intervencións enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas cidades e vilas galegas, aos que destinará o vindeiro ano un investimento de 12,4 M€.