Fernández-Tapias salienta o programa ’Galegas Dixitais’ da Xunta na mellora das capacidades tecnolóxicas das mulleres para favorecer a empregabilidade e o emprendemento

A delegada da Xunta en Vigo visitou este luns ás alumnas que participan nas accións formativas postas en marcha polo Goberno galego
 

A actividade formativa está orientada a mulleres que estean inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia

Vigo, 12 de decembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, coñeceu este luns de primeira man a acción formativa posta en marcha pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na cidade a través do programa “Galegas Dixitais co que se pretende mellorar a cualificación de 200 viguesas e outorgarlles máis opcións de empregabilidade e emprendemento coa redución da fenda dixital.

 

A representante autonómica, acompañada pola xefa territorial de Promoción do Emprego, Marta Mariño, visitou a un dos primeiros grupos que leva a cabo o ciclo formativo sobre competencias informáticas na sede da empresa Be Project Consultores. 

 

Esta primeira fase do programa “Galegas Dixitais”, no que se están a investir 5,2 millóns de euros, financiados con fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, estase a desenvolver en 25 localidades da provincia, entre elas once da área de Vigo.

 

As participantes na iniciativa realizan un itinerario formativo deseñado para avanzar en tres niveis: desde o básico de competencias dixitais ata un grao avanzado que ademais permitirá ás mulleres iniciarse, se así o desexan, en competencias dixitais para o emprendemento.

En Vigo haberá 21 accións formativas (7 ciclos completos); en Gondomar e Redondela serán 12 accións (4 ciclos); en Mos, Cangas, Nigrán, O Porriño e Baiona outras 9 accións (3 ciclos); en Salvaterra e Soutomaior serán 6 (dous ciclos) e en Gondomar un máis (1 ciclo completo).

 

A formación impártese por expertos docentes e, ao seu remate, as alumnas recibirán un título oficial acreditativo emitido pola Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación. Co obxectivo, ademais, de facer posible o uso das novas tecnoloxías, as participantes, tras a formación, recibirán un equipo portátil co que poderán poñer en práctica o aprendido.

 

As accións formativas distribúense nun total de 120 horas (os tres ciclos completos) en modalidade presencial ou aula virtual, a través do Campus de Formación para o Emprego do Goberno galego. Inclúen módulos de competencias dixitais básicas e avanzadas, e dirixidas especialmente ao emprendemento; así como 5 horas de formación transversal en materia de igualdade.

 
O programa “Galegas Dixitais” está centrado na formación para o emprendemento e dirixido, con prioridade, a mulleres desempregadas e con residencia en contornas rurais, pero tamén a traballadoras inscritas como demandantes dunha mellora de emprego.

Imaxes relacionadas