A Xunta colabora coa mellora de instalacións veciñais de uso social e para o abastecemento de auga en Ponte Caldelas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou as obras realizadas ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria


A asociación de veciños Chan da Rotea recibiu preto de 15.000 euros para rehabilitar a casa do pobo de Baltar


As comunidades de usuarios de augas da Roca e de Forzáns melloraron as súas infraestruturas con achegas de 15.630 e 12.000, respectivamente


A liña de axudas ao asociacionismo local dispón dun orzamento de 3M€, que se consolida en 2023
 

 Ponte Caldelas (Pontevedra), 12 de decembro de 2022  O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, visitou hoxe en Ponte Caldelas distintas obras realizadas por colectivos locais co apoio da Xunta no marco do Plan específico de acción comunitaria. Ao abeiro desta liña de axudas, a asociación de veciños Chan da Rotea recibiu preto de 15.000 euros para rehabilitar a casa do pobo de Baltar, e as comunidades de usuarios de augas da Roca e Forzáns, 15.630 e 12.000 euros respectivamente para a mellora das infraestruturas de abastecemento.

Así, a asociación veciñal executou obras para mellorar a accesibilidade das persoas con problemas de mobilidade e reformouse a cuberta para corrixir problemas de humidade. Tamén se cambiou a iluminación e o sistema eléctrico a prol dunha maior eficiencia enerxética, e pintouse tanto o exterior coma o interior das instalacións.

A actuación completouse coa adquisición de equipamento para maior confort das persoas usuarias, cunha estufa de pellets, e para apoio das actividades desenvolvidas pola entidade, cun sistema audiovisual composto por proxector e megafonía. Trátase dun local sociocultural no que se dá cita toda a actividade asociativa do barrio de Baltar e centro neurálxico dinamizador da poboación rural de Ponte Caldelas.

Mellora do abastecemento comunal

Pola súa banda, a comunidade de usuarios de augas da Roca, na parroquia de Cabeiro, destinaron 15.630 ao forrado do depósito de abastecemento para evitar as perdas e mellorar a calidade de auga. Tamén se reformou a caseta para albergar equipos de potabilización e novas tomas de saída a prol dunha mellor circulación do líquido, ademais de instalar un sistema de control de calidade no depósito e na rede para actuar de xeito áxil ante calquera incidencia.

A maiores dispúxose de dúas tapas de aceiro no depósito para evitar contaminacións e de chemineas de ventilación para aireación. Como complemento adquiriuse unha motoserra e chave de cadea para o corte das árbores próximas aos mananciais, unha rozadoira e unha hidrolimpadora para a limpeza das contornas, entre outro equipamento. Esta comunidade abastece 43 vivendas.

Canto á comunidade de usuarios de augas de Forzáns, que abastece 21 vivendas, investiu os 12.000 euros da achega na reparación dun manancial para garantir a subministración de auga, e na instalación dun sistema de desinfección cun panel solar para o seu funcionamento, así como dun sistema de control de calidade. Por outra banda limpouse o conxunto do depósito e reparouse o distribuidor, das ventás e das tapas para evitar contaminacións.

Compromiso co asociacionismo local

O delegado territorial destacou a boa acollida do Plan específico de acción comunitaria entre o asociacionismo local, que levou a Xunta a incrementar un 20% o orzamento este ano, ata os 3M€. “A relevancia deste programa e a excelente resposta que xera entre os colectivos destinatarios, asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e organizacións de mulleres rurais, fai que nos orzamentos de 2023 se consolide ese incremento e se manteñan os tres millóns de euros”, apuntou.

Segundo sinalou, a provincia de Pontevedra concentrou este ano a maioría das axudas concedidas, cun importe que sumou 1,8M€ para 139 entidades. As comunidades de usuarios de augas foron as que recibiron a maior contía, 1,3M€, que se distribuíu entre 104 entidades. A maiores, 34 asociacións de veciños dispuxeron de 489.147 euros e unha de mulleres rurais, de 8.892 euros.

 

Luís López eloxiou o labor desenvolvido polo asociacionismo local a prol do benestar da veciñanza, especialmente nos concellos menos poboados. “Son instrumentos clave para a participación cidadá e de intermediación coas administracións, ademais de ofrecer servizos e actividades fundamentais para a calidade de vida das familias e de persoas de todas as idades”, apuntaron. Desde a súa posta en marcha en 2016, o Plan específico de acción comunitaria sumou un investimento de 16 millóns de euros cos que se apoiaron máis de 1.300 proxectos en toda Galicia.

Imaxes relacionadas