A Xunta de Galicia contribúe con 10.000 euros á adquisición de 13 remoergómetros para Federación Galega de Remo

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións da federación en Ferrol onde foron preparadas estas máquinas


Mediante esta orde de axudas, a Xunta aportou este ano 4,7 M€ a entidades deportivas e federacións para a adquisición de material específico para a participación en competicións oficiais e a realización de adestramentos
 

Ferrol, 12 de decembro de 2022 A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse esta mañá ás instalacións que a Federación Galega de Remo ten en Ferrol para dar conta da resolución dunhas axudas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Secretaría Xeral para o Deporte, para a adquisición de equipamento deportivo.

 

Unha destas achegas, por valor de 10.000 euros, recaeu na Federación Galega de Remo para mercar 13 remoergómetros. Estas máquinas, nas que o deportista simula a acción de remar, foron preparadas -instalóuselles o hardware e software, así como un axuste para os dorsais- en Ferrol. A intención da federación é que estes remoergómetros, que tamén poñen a disposición dos clubs, se despracen polas distintas competicións federais.

 

Durante a visita, Martina Aneiros puxo en valor o gran traballo que se está a facer dende a Federación Galega de Remo e destacou a importancia destas axudas á hora de manter “o excelente nivel competitivo, apoiar o deporte base, incrementar as canteiras dos equipos e garantir a súa continuidade”, sinalou.

 

Mediante esta orde de axudas o Goberno galego aporta aos clubs e federacións material específico destinado á participación en competicións deportivas oficiais ou á realización de adestramentos, material non específico como transporte ou equipamento de ximnasio e material sanitario.

 

O investimento da Xunta de Galicia en apoio aos clubs e federacións para a dotación de equipamento deportivo ascende este ano a 4,7 millóns de euros en dúas convocatorias, logrando así o máximo histórico anual dirixido a este obxecto e que representa o 44,6% do total do investimento do Goberno galego no período 2019-2022.

Imaxes relacionadas