A Xunta activa para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo

Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 5 metros debido ao mar de fondo e ventos do suroeste de forza 8

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2022- 

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo  

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a primeiras horas da xornada de mañá na Mariña lucense e no noroeste da Coruña por mar combinada do suroeste con ondas de ata 5 metros debido ao mar de fondo e vento do suroeste forza 8 de ata 74 quilómetros por hora.  No resto do litoral galego o nivel de aviso será amarelo, tamén por mar combinada do suroeste e ondas de ata 5 metros e mar de fondo e ventos do suroeste forza 7.

 

Ademais, estará activa a alerta amarela por precipitacións acumuladas en toda a provincia de Pontevedra, no suroeste da Coruña, no sur de Lugo e no noroeste e na zona do Miño de Ourense. Canto ao vento, o nivel de aviso será amarelo porque soprará do suroeste con rachas de ata 80 quilómetros por hora na provincia de Pontevedra, na Mariña lucense e no noroeste, oeste e suroeste da Coruña.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.