A Xunta destina preto de 200.000 € a avaliar o estado de conservación e deseñar un sistema de seguimento das aves e dos seus hábitats na rede ZEPA de Galicia

A Comunidade galega ten recoñecidas 16 ZEPA, que abarcan 101.134,9 hectáreas

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2022 A Xunta  destinará 200.000 euros a avaliar o estado de conservación e deseñar un sistema de seguimento das aves e dos seus hábitats na rede ZEPA (Zonas de Especial Protección para as Aves) de Galicia, ao abeiro do Fondo Europeo de Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (PDR). 

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitou o contrato para a realización de actuacións que proporcionen a información necesaria para determinar o grao de conservación das aves nestes espazos da Rede Natura 2000 e, en consecuencia, establecer os obxectivos e medidas de preservación das ZEPA  nun estado favorable e deseñar un sistema de seguimento do estado dos hábitats. 

O ámbito territorial dos traballos a executar abrangue as 16 ZEPA recoñecidas en Galicia, que abarcan 101.134,9 hectáreas e que se localizan na ría de Ortigueira e Ladrido; Costa da Morte (Norte); na costa de Ferrolterra – Valdoviño; Complexo litoral de Corrubedo; Ribadeo; Costa da Mariña occidental; ría de Foz; Ancares; Baixa Limia - Serra do Xurés; A Limia; Pena Trevinca; Serra da Enciña da Lastra; Illas Cíes; Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira; Illa de Ons e Esteiro do Miño. 

Cómpre lembrar que o plan director da Rede Natura 2000 de Galicia recolle entre os seus obxectivos no que atinxe ás ZEPA as melloras do inventario das especies de aves, do seu estado de conservación e do sistema de videovixilancia destas poboacións, así como a identificación das principais ameazas e o establecemento dun protocolo de seguimento do seu estado de conservación.

 

Imaxes relacionadas