A Xunta distingue á matemática María Elena Vázquez Cendón co premio María Josefa Wonenburger para mulleres científicas

A Unidade Muller e Ciencia da Xunta decidiu outorgar o galardón deste ano a esta ourensá, doutora en Ciencias Matemáticas e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago desde 2017
 

Vázquez Cendón destaca polas súas contribucións ás leis de balances hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos que son de aplicación ao estudo do movemento das augas, fluxos de gas, de sangue e ao deseño industrial
 

Comprometida coa difusión desta rama das ciencias, preside desde 2021 o Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia).
 

A Xunta considera prioritario incrementar a presenza das mulleres nas carreiras científicas e tecnolóxicas e brindar ás novas xeracións referentes nas que mirarse
 

Santiago de Compostela, 11  de decembro de 2021 

A doutora en Ciencias Matemáticas, profesora de Matemática Aplicada e decana da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, María Elena Vázquez Cendón, será distinguida co premio María Josefa Wonenburguer deste ano, unha decisión comunicada polo último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta, que tivo en conta tanto a súa carreira investigadora como o seu papel na divulgación desta rama da ciencia.

Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é licenciada (1989) e doutora (1994) en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Santiago e profesora titular de Matemática Aplicada. Desde 2017 ocupa o posto de decana da Facultade de Matemáticas desta universidade.

Destaca na súa carreira investigadora polas súas contribucións ao estudo das leis de balance hiperbólicas coa metodoloxía de volumes finitos que teñen como ámbitos de aplicación a análise do movemento da auga en ríos, escalas de peixes ou zonas costeiras e tamén do fluxo do gas, do sangue e o deseño industrial.

A galardoada participou en proxectos nacionais e internacionais e liderou investigacións do Centro Tecnolóxico do Mar ou a Fundación Ciudad de la Energía e Reganosa, entre outros. Na actualidade está vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia de Galicia (CITMAga) e coordina o Máster en Matemática Industrial (con mención de excelencia da Xunta de Galicia).

A Unidade Muller e Ciencia tivo en conta o compromiso desta galega na divulgación das Matemáticas, que se materializa desde 2021 ano no que se puxo á fronte do Proxecto de Estímulo do Talento Matemático (Estalmat-Galicia).

A galardoada recibirá o premio no curso dunha gala que se celebrará en Santiago de Compostela o próximo día 20, e que contará coa presenza de membros do Goberno galego, do ámbito universitario e científico e da sociedade.

O premio María Josefa Wonenburger foi creado pola Xunta para a distinguir ás mulleres galegas con traxectorias notables nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego desde a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Con este recoñecemento, a Xunta quere poñer en valor a carreira destas referentes, que destacan pola súa contribución e convertelas en modelo a seguir polas xeracións vindeiras.

O Premio María Josefa Wonenburger Planells outórgase anual desde o ano 2007 a través da Unidade de Muller e Ciencia. Leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias e que foi unha científica adiantada ao seu tempo.

Nos último anos foron merecedoras deste recoñecemento mulleres como Amparo Alonso, catedrática de ciencias da computación de intelixencia artificial na Universidade da Coruña; Mabel Loza, farmacéutica referente no descubrimento de medicamentos ou Victoria Lareu, catedrática de medicina legal e forense

Imaxes relacionadas