Galicia expón en Xapón a súa estratexia de promoción do consumo dos produtos do mar entre os diferentes segmentos de poboación

A comunidade salienta no Congreso Mundial de Nutrición a importancia de incluír os peixes e mariscos na dieta para ter unha vida máis saudable

A Xunta promove estes hábitos de consumo a través de distintas iniciativas como GALICIA SABE AMAR, Vai de Peixe, Fai clic ao teu bocata ou Ti si que es un bo peixe
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022

Galicia participa esta semana no Congreso Mundial de Nutrición (IUNS) que se celebra na cidade xaponesa de Tokio poñendo en valor a importancia de incluír os peixes e mariscos na dieta para ter unha vida máis saudable. Neste sentido, a delegación galega salientou as distintas campañas postas en marcha nos últimos anos pola Consellería do Mar para elevar o consumo de produtos do mar nos distintos segmentos de poboación.

Entre os expertos participantes neste evento -que se celebra desde o pasado martes ata o vindeiro domingo- estivo a presidenta do comité científico da Fundación Dieta Atlántica, Rosaura Leis, que destacou o alto valor nutricional dos peixes e mariscos e os seus beneficios para a saúde en todas as etapas da vida.

Nesta liña, a profesora e doutora -que dirixiu o simposio Peixe e saúde na Dieta Atlántica desde a infancia ata a terceira idade- subliñou que Galicia conta cunha estratexia de promoción do consumo dos produtos do mar dirixida ás diferentes franxas de idade da poboación. Neste sentido, salientou iniciativas da Consellería do Mar como Fai clic ao teu bocata ou Ti si que es un bo peixe -pensadas para as nenas e nenos en idade escolar-, Vai de Peixe -para a xeración millennial e que se desenvolve fundamentalmente nas redes sociais- ou a campaña GALICIA SABE AMAR, para o público en xeral e que pretende poñer en valor os produtos extraídos e transformados polo complexo mar-industria galego.

A pediatra especialista en alimentación e experta no estudo dos produtos do mar intercambiou experiencias e puntos de vista con outros profesionais da materia como os doutores Ángel Gil, Luis Moreno ou a especialista en nutrición Kayo Kurotani e lembrou que en Galicia científicos, médicos, educadores, empresas e a Administración -a través da Xunta- son axentes fundamentais en dar a coñecer os beneficios da dieta atlántica en todo o mundo e na transmisión ao conxunto da sociedade da importancia dunha vida saudable e do peixe como alimento esencial.

Nesta liña, a comunidade galega traballa de xeito intenso e conxuntamente co complexo mar-industria para impulsar o consumo dos produtos do mar con medidas como estas campañas de promoción, a celebración de distintos foros para dar a coñecer os beneficios do consumo de peixe ou axudas ao sector transformador para que adapte as súas elaboracións ás demandas dos consumidores.

O evento

O Congreso Mundial de Nutrición é unha cita de referencia internacional que acolle a preto de 4.000 participantes de diferentes países do mundo e que permite establecer sinerxías con axentes de diversos ámbitos como o científico, o empresarial ou o da restauración. Este certame conta cun amplo programa con alcance e influencia noutros ámbitos de actividade como o da sustentabilidade e a innovación económica ou o deseño de políticas nutricionais e de seguridade alimentaria.