A Xunta avoga por salvagardar os intereses do sector marítimo-pesqueiro no desenvolvemento da eólica mariña

O director xeral de Pesca participou na xornada A pesca e os ecosistemas mariños ante a eólica mariña: unha visión das administracións e o sector, onde lembrou que ningún promotor pode tramitar proxectos deste tipo en Galicia ata que o Goberno central aprobe os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo

Ames (A Coruña), 10 de decembro de 2022 O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, defendeu hoxe a necesidade de que o desenvolvemento da eólica mariña no litoral de Galicia sexa compatible coa actividade pesqueira e coa preservación do ecosistema. Fíxoo durante a súa participación na xornada A pesca e os ecosistemas mariños ante a eólica mariña: unha visión das administracións do sector, organizada pola Plataforma en defensa da pesca e dos ecosistemas mariños.  

O representante do Executivo galego explicou que é necesario avanzar no desenvolvemento deste tipo de tecnoloxías renovables, que contan cun importante potencial en Galicia, pero tamén subliñou a necesidade de salvagardar os intereses dun sector fundamental para a comunidade como o sector marítimo-pesqueiro.

Neste sentido, Antonio Basanta sinalou que é fundamental que as dúas actividades sexan compatibles e lembrou que polo momento ningún promotor pode tramitar proxectos de eólica mariña en Galicia -nin noutros puntos do litoral español- á espera de que o Goberno central, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, aprobe o documento definitivo dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM).

Así, sinalou que é importante que o sector marítimo-pesqueiro sexa parte do proceso de desenvolvemento desta tecnoloxía e que por iso a Xunta de Galicia creou a mediados do ano pasado o Observatorio da eólica mariña -no que están representados a Administración, a industria e o sector pesqueiro- para avanzar neste asunto desde o diálogo, o consenso e a transparencia. A este respecto, lembrou que esta iniciativa foi recoñecida como unha boa práctica na resolución aprobada hai uns meses polo Parlamento Europeo sobre a Economía Azul e o papel da pesca e a acuicultura no seu desenvolvemento.