A Xunta lanzará en 2023 un novo selo para recoñecer a excelencia das empresas en igualdade laboral

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a rematar a regulación do novo distintivo que pretende poñer en valor o compromiso das firmas galegas co benestar laboral e a equidade entre mulleres e homes
 

Os requisitos do recoñecemento artelláronse no eido do Diálogo Social
 

Coa medida, a Xunta quere impulsar a formación en materia de igualdade e o equilibrio das retribucións entre mulleres e homes nas diferentes organizacións
 

Unha vez vixente, as empresas públicas ou privadas, con domicilio en Galicia ou representación neste territorio, poderán solicitar o selo en calquera momento do ano
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a culminar a nova regulación da Certificación galega de excelencia en igualdade, un novo selo co que se distinguirá ás empresas galegas que destaquen, de forma salientable, polo seu entorno laboral igualitario e sustentable.

A través deste mecanismo, a Xunta de Galicia desexa poñer en valor o compromiso do tecido produtivo galego coa igualdade entre mulleres e homes e co benestar laboral.

Os requisitos básicos deste recoñecemento xa foron consensuados co Diálogo Social. Terán como un dos seus eixos centrais a igualdade retributiva en traballos de igual valor ou a formación mínima en igualdade laboral entre as persoas con responsabilidade na empresa, integrantes das comisións negociadoras e de seguimento.

Poderán optar ao recoñecemento empresas de capital público ou privado que conten con domicilio en Galicia ou con representación no territorio a través dunha axencia, sucursal, delegación, entre outros. Terán que contar, entre outros factores, cun mínimo de 6 persoas traballadoras na comunidade, estar inscritas na Seguridade Social e ter un plan de igualdade con, polo menos, o 25% das súas medidas implantadas.

Para avaliar o nivel de igualdade cara á obtención da certificación, teranse en conta, a maiores, outras condicións relacionadas coa imaxe e linguaxe empregada pola empresa, a súa comunicación ou a incorporación da perspectiva de xénero na prevención de riscos.

O proxecto de decreto que está a perfilar a Xunta de Galicia prevé un total de 16 criterios de valoración, que suporá un máximo de 100 puntos e que estarán estruturados en catro bloques: estratexias xerais no entorno laboral; participación equilibrada entre mulleres e homes na organización; condicións laborais relativas á ordenación do tempo de traballo, á conciliación da vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade; e, o cuarto, medidas específicas e innovadoras nesta materia.

Para acadar o selo de excelencia a puntuación xeral mínima variará en función do tamaño da empresa dos 70 puntos para firmas de 6 a 50 persoas traballadoras, ata os 85 das que conten cun cadro de persoal de máis de 250. En todos os casos, ademais, artellaranse puntuacións mínimas a acadar en cada un dos catro bloques que baremarán os criterios.

A Xunta manterá aberto o prazo para presentar as solicitudes sen límites temporais, é dicir, estará a dispor das organizacións de forma continuada ao longo de todo o ano.

Co novo recoñecemento, o Goberno galego quere resaltar o labor das empresas que destaquen no eido da igualdade para que poidan servir de exemplo e motor doutras.