A Policía Autonómica reforza este ano a súa loita contra o furtivismo cun aumento de inspeccións, rexistros e denuncias

Os axentes do Equipo de Resposta Policial, o Grupo ERPOL, en colaboración coa Consellería do Mar, tramitaron 1.229 denuncias e realizaron 1.658 rexistros de vehículos e 1.082 inspeccións, con 73 persoas investigadas ou detidas como resultado.

Cómpre salientar o labor do equipo de especialistas en actividades subacuáticas, creado hai un ano para a impedir o furtivismo e protexer os recursos mariños
 

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2022 A Policía Autonómica reforzou neste ano a súa loita contra o furtivismo cun aumento de inspeccións, rexistros e denuncias con respecto a 2021 levadas a cabo especialmente polo Equipo de Resposta Policial (Grupo ERPOL), ademais de polos equipos de investigación das distintas sedes da UPA nas provincias costeiras e sempre en colaboración coa Consellería do Mar.

Ao longo de 2022 formuláronse 1.229 denuncias fronte ás 907 do ano pasado, o que representa un incremento do 35%. O número de vehículos rexistrados medrou un 15%, con 1.658 fronte a 1.544, e as inspeccións pasaron de 2.082 a 2.445, un 7% máis. Estas accións deron como resultado 73 persoas investigadas ou detidas, 14 menos que en 2021.

Os datos dan mostra da redución da actividade delitiva como consecuencia da presión ao furtivismo por parte da Policía Autonómica xunto coa Subdirección Xeral de Gardacostas da Consellería do Mar. Reflicten ademais a maior profesionalización do persoal policial neste ámbito e un mellor coñecemento das prácticas das persoas dedicadas ao marisqueo ilegal.

Principais operativos

En canto aos operativos realizados no que levamos de ano, cómpre salientar os denominados Xuntos, feito en Ferrol, Mugardos e Narón sobre a extracción furtiva de vieiras e centolas e no que se investigaron catro persoas, e Salitre, tamén en Ferrol e Narón e sobre a extracción furtiva de vieira e ostra. Nesta última operación localizouse unha depuradora ilegal e o número de persoas detidas ascendeu a 16.

Destaca tamén o dispositivo no Portiño, desenvolvido ao longo da costa coruñesa con motivo da extracción furtiva e sen control sanitario de percebe, co resultado de 31 persoas investigadas. A estes súmanse o comiso de 1.370 quilos de centola nunha depuradora próxima a Ferrol e varias colaboracións transfronteirizas coa Policía Marítima Portuguesa.

A maiores, cómpre poñer en valor o labor realizado polo equipo de especialistas en actividades subacuáticas, formado por cinco policías e que ten como obxectivo específico a loita contra o furtivismo e a protección dos recursos mariños.

Creado hai só un ano, realizou importantes actuacións como a incautación en Oia de 80 quilos de centola, doutros 60 quilos desta mesma especie en Moaña e de 400 quilos de ostra en Ferrol. Ademais colaborou con distintos departamentos da Xunta, así como con outras institucións e corpos de seguridade en inspeccións, investigacións e buscas de persoas desaparecidas en medios acuáticos.

Dispositivos para impedir o furtivismo

O traballo da Policía Autonómica en colaboración coa Consellería do Mar céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. Cabe lembrar que esa actividade furtiva vén sendo practicada de forma ilegal e reiterada por persoas que, amparándose en situacións de insolvencia ou necesidade, danan as concesións marisqueiras, causando graves prexuízos aos profesionais que as explotan legalmente, chegando ás veces a utilizar a violencia. 

As actuacións conxuntas da Policía Autonómica e o persoal de Gardacostas están a reforzar os resultados das intervencións, xa que os furtivos se decatan de que hai detrás un corpo policial que lles impide a súa ilícita actividade, con actuacións preventivas, identificacións, denuncias e mesmo imputacións e detencións, nos supostos de transcendencia penal.

 Así pois, malia a perda de efectivos e de ter asumido outras funcións moi importantes como a protección das mulleres vítimas de violencia de xénero ou a vixilancia dos camiños neste Xacobeo 21-22 que precisan de persoal operativo permanente, a Policía Autonómica segue a manter no 2022 o nivel de actividade en colaboración coa Consellería do Mar, de xeito que se poidan acometer con garantías as tarefas precisas de control e loita contra o furtivismo e marisqueo ilegal.