O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, vén de remitir un escrito ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana reiterándolle esta solicitude do Goberno galego
A Xunta pídelle ao Goberno de España que manteña en 2023 as bonificacións no billete do autobús autonómico, ao igual que fará co tren
A Xunta demanda do Ministerio de Transportes información dos plans previstos para prorrogar, a partir do 1 de xaneiro, as bonificacións do 50% no billete de autobús autonómico que vén aplicando a Xunta desde o pasado 1 de setembro
A Xunta elevou a porcentaxe de bonificación do 30 ata o 50% e tamén a estendeu ao transporte marítimo que conecta Cangas e Moaña con Vigo e aos servizos ferroviarios na área de transporte metropolitano de Ferrol
Insta ao Ministerio á resolución e ao pago das axudas comprometidas para financiar o 30% do desconto, tal e como se comprometeu, xa que ata agora a Xunta está a sufragar integramente o 50% das bonificacións con fondos propios da Comunidade
As bonificacións supuxeron un incremento significativo de viaxeiros nos autobuses da Xunta, rexistrándose entre o 1 de setembro e o 31 de outubro 5,9 millóns de usuarios, un 23% máis que o ano anterior
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022 A Xunta pídelle ao Goberno de España que manteña en 2023 as bonificacións no billete de autobús autonómico, ao igual que fará co tren.
O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, vén de remitir un escrito ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, reiterándolle esta solicitude do Goberno galego, que xa fora trasladada en ocasións anteriores.
No escrito remitido, solicítase do Goberno de España información sobre os plans previstos para prorrogar, a partir do 1 de xaneiro, as bonificacións do 50% no billete de autobús autonómico que vén aplicando a Xunta desde o pasado 1 de setembro.
A Xunta insta, ademais, ao Ministerio á resolución do outorgamento das axudas comprometidas ás autonomías para pagar os descontos no transporte público do 30%, que a Xunta incrementou ata o 50% e que, ata o de agora, está a sufragar integramente con fondos propios da comunidade para evitar o desequilibrio económico que suporía para as empresas de transporte achegar o desconto aos viaxeiros en espera do ingreso que o Estado debe efectuar antes de rematar o ano.
Dado que 2022 está a piques de finalizar e o Goberno de España nin elevou a definitiva a resolución destas axudas, nin achegou datos do procedemento previsto, a Xunta demanda información concreta sobre o pagamento e sobre a vixencia e condicións do mantemento destes descontos máis alá do 31 de decembro.
O director xeral de Mobilidade lembra, no escrito enviado ao Ministerio, que os cidadáns deben contar con información certeira sobre estas bonificacións e a Xunta, como administración colaboradora, precisa destes datos para levar a cabo os trámites legais necesarios.
Subliñou que a Xunta decidiu elevar a porcentaxe de redución do prezo do billete do 30% previsto polo Goberno ata o 50%, estendéndoo, ademais das 3.500 liñas interurbanas de competencia autonómica, aos servizos de transporte marítimo que conectan Cangas e Moaña con Vigo, así como aos servizos ferroviarios de Renfe que se prestan na área de transporte metropolitano de Ferrol.
As bonificacións do 50% que a Xunta vén aplicando desde o pasado 1 de setembro e asumindo integramente o seu custo ata o de agora, permitiron un incremento significativo de viaxeiros nos autobuses autonómicos. Así, entre o 1 de setembro e o 31 de outubro rexistráronse 5,9 millóns de usuarios, un 23% máis que o ano anterior, con 4,8 millóns de viaxeiros.
Neste sentido, do mesmo xeito que o Goberno anunciou a prórroga das bonificacións nos servizos ferroviarios e nas liñas de autobús de competencia estatal, a Xunta considera imprescindible manter en 2023 tamén as medidas en vigor no transporte interurbano, de competencia autonómica, e no transporte urbano, de competencia municipal, para garantir un trato equilibrado aos distintos territorios e aos seus habitantes.