Patrimonio Cultural autoriza ao Concello de Vigo á mellora da accesibilidade peonil na rúa Juan Ramón Jiménez

A Dirección Xeral comunica o seu informe favorable á actuación con condicionantes sobre o documento municipal presentado

Son necesarias sondaxes arqueolóxicas valorativas e o promotor deberá presentar o proxecto asinado por un técnico para a súa autorización

Vigo, 9 de decembro de 2022

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre a mellora da accesibilidade peonil na rúa Juan Ramón Jiménez, na contorna do parque Camilo José Cela. A autorización dos técnicos está suxeita a condicións que teñen que ser cumpridas no proxecto municipal.

 

Así, o departamento autonómico responde ao documento achegado pola Administración local no que se remite o novo proxecto denominado “Memoria. Proxecto Vigo Vertical. Mellora da accesibilidade peonil en R/ Juan Ramón Jiménez R/ Marqués de Valterra e R/ Torrecedeira” no que solicitan a súa autorización.

 

Segundo explica a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dito proxecto chega acompañado do informe da arqueóloga municipal de Vigo, no que sinala que dada a existencia constatada de restos arqueolóxicos de época romana nas inmediacións, deben realizar unhas sondaxes arqueolóxicas valorativas previas.

 

Así, resolve autorizar a solicitude, pero advirte de que cómpre realizar “unhas sondaxes arqueolóxicas valorativas, polo que, antes da concesión da licenza municipal, o promotor deberá presentar o correspondente proxecto arqueolóxico, asinado por técnico competente, para a súa autorización pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.

 

“En función dos resultados da intervención poderían requirirse actuacións arqueolóxicas complementarias”, engade a resolución. Ademais, Patrimonio conclúe que “no caso de localizarse restos arqueolóxicos inmobles, merecentes de ser conservados in situ, podería ser necesario realizar modificacións no proxecto, principalmente, no que atinxe a súa afección sobre o subsolo”.