A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, fixo balance da primeira convocatoria de axudas do programa EBici, unha iniciativa pioneira da Xunta

Ethel Vázquez avanza que a Xunta destinará o vindeiro ano 1 M€ ás axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas, tras facilitar este ano a compra de máis de 2.000

Vázquez Mourelle salienta o éxito e a boa acollida pola cidadanía destas primeiras axudas para a compra de bicicletas eléctricas, que supuxeron unha achega da Xunta de 1 M€ e favoreceron investimentos en mobilidade sostible por importe de 1,95 M€

Apunta que o Goberno galego seguirá con esta iniciativa de éxito en 2023, cunha nova convocatoria de incentivos que se publicará no primeiro semestre do ano

Fai fincapé na aposta da Xunta por mudar os hábitos de mobilidade, coa modernización de 3.500 liñas de autobús interurbano ou coa tarxeta Xente Nova, coa que máis de 132.000 menores de 21 anos viaxan de balde

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta destinará o vindeiro ano 1 M€ para continuar co programa EBici, de axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas, tras facilitar este ano a compra de máis de 2.000.

 

Vázquez Mourelle, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, fixo hoxe balance da primeira convocatoria destes incentivos, unha iniciativa “de éxito” e con moi boa acollida por parte da cidadanía, dixo.

 

Explicou que as axudas para adquisición de bicicletas eléctricas con pedaleo asistido supuxo unha achega da Xunta de 1 M€ que facilitou a compra dun total de 2.009 bicicletas eléctricas e mobilizou investimentos por importe de 1,95 M€.

 

Ethel Vázquez lembrou que, desde o mesmo momento no que se abriu o prazo para presentar as solicitudes, o pasado 1 de agosto, se esgotou deseguida o crédito inicial consignado, 500.000€, o que levou á Xunta a ampliar noutros 500.000 € adicionais, establecendo como prazo ata o 15 de novembro para a presentación de solicitudes para poder beneficiarse destes incentivos.

 

A titular de Infraestruturas destacou o obxectivo que pretende a Xunta con este programa EBici: promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, fomentando unha mobilidade máis saudable para quen se decante polo emprego deste medio de transporte alternativo, reducindo as emisións a atmosfera e tamén o ruído.

 

Explicou que, aínda que as axudas estiveron á disposición de todos os que mercaron unha bicicleta eléctrica, tal e como se prevía, a mellor resposta chegou do ámbito das contornas urbanas, posto que é aí onde unha boa parte dos desprazamentos cotiáns da poboación supoñen percorridos de entre 2 e 12 km, sendo estas distancias máis asumibles para percorrer en bicicleta. Precisou, que Vigo, Santiago ou A Coruña foron os concellos nos que máis solicitudes se recibiron para a compra dunha bicicleta eléctrica: 321 en Vigo, 176 en Santiago e 143 na Coruña.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade apuntou que a través destas axudas, a Xunta achega ata o 50% do prezo da bicicleta eléctrica, cun máximo de 500 €. No caso das familias numerosas, os incentivos cobren o 60%, cunha achega tope de 600 €; e, de ser familia numerosa con categoría especial, as axudas acadan o 70%, ata un máximo de 700 €.

 

Os incentivos tramítanse coa colaboración dos establecementos comerciais que se adheriron ao programa da Xunta como entidades colaboradoras, sumando 127 en toda Galicia.

 

A conselleira destacou o éxito da convocatoria, así como o cumprimento dos obxectivos co que foi concibido o programa EBici: favorecer modos de transporte máis sustentables e saudables, diminuíndo o uso do vehículo particular e coa redución de emisións e da contaminación acústica.

 

Neste sentido apuntou a determinación da Xunta de seguir con esta iniciativa en 2023, destinando 1 M€ máis á adquisición de bicicletas eléctricas, coa convocatoria dunha nova orde de axudas que sairá publicada no primeiro semestre do ano.

 

Ethel Vázquez enmarcou este programa no traballo do Goberno galego por mudar os hábitos de mobilidade, avanzando cara a unha mobilidade máis sostible e saudable, en liña coas políticas que vén desenvolvendo nos últimos anos.

 

Referiuse á aposta sen precedentes polo transporte público, coa modernización de 3.500 liñas de autobús interurbano e a posta en marcha de medidas pioneiras como a tarxeta Xente Nova, coa que máis de 132.000 menores de 21 anos viaxan de balde no autobús da Xunta. Lembrou que a Xunta destinará o vindeiro ano 90 M€ ao transporte público, cos que financia o 76% do custo do billete de autobús aos usuarios e o 100% no caso dos menores de 21 anos.

 

Salientou, ademais, o impulso das estacións intermodais, como a de Santiago, que facilitan o intercambio entre o autobús e o tren de modo áxil e seguro; e a construción de máis de 200 quilómetros de sendas que xa executaron cun investimento de 50 M€.

 

Ethel Vázquez incidiu tamén nos novos proxectos de mobilidade sostible nas principais cidades galegas, como o que a Xunta está a impulsar en Santiago: a senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e San Caetano, que conectará tamén o hospital e a estación intermodal e coa que se contribúe a facer cidade. 

Imaxes relacionadas