Lorenzana anuncia o investimento de máis dun millón de euros na oficina de emprego de Monelos e o reforzo do seu persoal para orientación e prospección empresarial

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou as dependencias coruñesas onde anunciou que a Xunta ten previsto destinar 3,3 millóns de euros en 2023 a mellorar as infraestruturas das oficinas en toda Galicia

A Xunta creará un servizo propio e permanente de orientación laboral que suporá a incorporación de 136 persoas en toda Galicia, 5 destinadas na oficina de Monelos

Lorenzana puxo en valor o traballo do persoal deste centro da Coruña por atender o maior número de persoas demandantes de emprego de entre todos os de Galicia

A Xunta está a traballar na dixitalización do servizo galego de emprego, que contará cun software baseado na enxeñaría de datos que permitirá identificar as necesidades do mercado laboral en tempo real e dar cobertura ás vacantes existentes

A Coruña, 10 de decembro de 2022

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a oficina de emprego de Monelos, na Coruña, onde anunciou que estas instalacións contarán con espazos máis amplos e modernos cun investimento de 1,27 millóns de euros. A medida enmárcase na proposta do departamento da Xunta de renovar as súas dependencias de emprego que suporá, soamente para a renovación das oficinas, a mobilización en 2023 de 3,3 millóns.

Lorenzana lembrou que a súa consellería está pendente de sacar a licitación as actuacións de mellora da oficina de Monelos para, entre outros obxectivos, crear contornas de traballo máis confortables e nas que se fomente o benestar laboral.

Neste centro traballan na actualidade 10 persoas que, como puxo en valor a conselleira, atenden ao maior número de demandantes de emprego de Galicia, concretamente 14.058. Cada persoa que traballa en Monelos atende unha media de case 703 demandantes de emprego (702,9), cifra moi superior á media da provincia da Coruña, de case 491 persoas (490,80 persoas).

A Xunta incrementará en 2023 o cadro de persoal desta oficina nun 25% (5 persoas máis) no marco da creación dun servizo permanente de orientación laboral e prospección empresarial que estará conformado en toda Galicia por 136 novos orientadores laborais e ao que se destinarán 5,2 millóns de euros.

Lorenzana anunciou que, aparte destas actuacións, a Xunta seguirá a avanzar na modernización do Servizo de Emprego de Galicia mediante a súa dixitalización que contará, segundo anunciou, con case medio millón de euros (489.000 euros) para optimizar os procesos de formación e colocación a través da nova ferramenta tecnolóxica, que emprega o business inteligent, a intelixencia artificial e o big data, e que permitirá identificar as necesidades do mercado de traballo en tempo real para adaptar así a formación.

Para acadala, Promoción do Emprego impulsará a formación do persoal das oficinas, unha finalidade na que se investirán o ano que vén máis de 405.000 euros.

Dar cobertura ás vacantes

A conselleira puxo en valor o traballo que desempeñan as persoas traballadoras destes centros para construír un mercado laboral galego máis cohesionado, máis conectado e de máis calidade. “Insistimos na necesidade de que a xente se achegue ás oficinas de emprego porque hai traballo; as empresas teñen vacantes, polo que estamos a poñer todos os medios ao noso dispor: máis traballadores, máis orientadores laborais... pero tamén é necesario que as empresas subministren as vacantes ao servizo de emprego”, incidiu Lorenzana.

A conselleira engadiu que se están a detectar oportunidades no sector primario, no de servizos e na industria. Nomeadamente, engadiu, hai emprego na actividade agrogandeira, na hostalaría e no comercio, en oficios tradicionais e en ocupacións industriais vencelladas coa tecnoloxía e uso de maquinaria específica. “Existe unha posibilidade real de reducir o paro na comunidade autónoma que pasa polo traballo desenvolvido polas oficinas”, remarcou.

Coa nova Estratexia de emprego da Xunta, Xempre Contigo, a comunidade está a desenvolver unha nova forma de traballar que pretende optimizar os recursos dispoñibles para conseguir un mellor emparellamento da oferta de emprego e a demanda de traballadores. Coa mesma preténdese achegar máis os servizos públicos á cidadanía, ofrecéndolle unha atención de proximidade e de calidade, ligada ao territorio, afirmou a titular de Promoción do Emprego.

Imaxes relacionadas