A Xunta comezará nunha semana as obras de mellora enerxética dos xulgados de Noia

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, destacou hoxe no Parlamento galego que o Goberno galego tamén prevé colaborar co concello noiés para trasladar os arquivos xudiciais a un local de titularidade municipal

A Xunta tamén levou a cabo a substitución de carpinterías exteriores nos xulgados de Ribeira no marco das actuacións para acadar sedes xudiciais sostibles

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert, anunciou hoxe no Parlamento de Galicia que a Xunta prevé comezar na penúltima semana deste mes as obras de rehabilitación e mellora enerxética previstas nos xulgados de Noia e que contan cun orzamento superior aos 200.000 euros.

 

O proxecto conta cun prazo de execución duns tres meses, no que se van retirar todas as carpinterías existentes, para a súa substitución por outras novas de castaño laminado e vidro illante. Tamén se vai reparar a porta de acceso principal e dúas das balconeiras existentes. A maiores, illarase e impermeabilizarase a cuberta, repararanse os parámetros interiores con humidades e substituiranse as actuais luminarias fluorescentes por outras LED de baixo consumo. Cómpre sinalar que a iniciativa se enmarca no Plan especial de protección e reforma interior do casco histórico de Noia.

 

As actuacións da Xunta nos xulgados de Noia está a completarse co traslado dos arquivos pendentes de expurgo ao abeiro do Plan de expurgo para a dixitalización dos arquivos xudiciais a un local de titularidade municipal liberando espazo no edificio dos xulgados mentres duran as obras.

 

A Xunta continúa así a dotar á cidadanía de edificios xudiciais eficientes enerxicamente e que garantan a prestación do servizo nas mellores condicións de confort. En definitiva, sedes xudiciais sostibles grazas ao traballo na creación e adaptación de deseño de espazos. Así, os xulgados da comunidade respectan os estándares de rehabilitación sostible do modelo de referencia do deseño das sedes xudiciais cumprindo o espazo mínimo esixido, a distribución das unidades e a localización dos servizos.

 

Nesta liña, destacan tamén os traballos realizados nos xulgados de Ribeira. Cunha achega de case 81.000 euros, o Goberno galego xa rematou a instalación de 24 novas fiestras de aluminio de lacado negro con vidros illantes -12 o andar primeiro e outras 12 no andar baixo cuberta- e está a piques de rematar a instalación de estores na totalidade das ventás substituídas.

 

José Tronchoni salientou o compromiso da Xunta coa mellora das infraestruturas xudiciais no Plan de Infraestruturas Xudiciais, o que supón ademais -sinalou- un exemplo de colaboración coas entidades locais. Por iso, neste ano continuarase a avanzar neste eido cos proxectos do novo edificio xudicial da Estrada e da nova sede do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que contarán cun investimento de 5,4 millóns de euros. Tamén o próximo ano todas as salas de vistas dos xulgados galegos serán íntegramente dixitais.