Os certames ‘Inventa en galego’ e ‘Novos poliedros’ premian a innovación científica e o uso da lingua galega entre a mocidade

O secretario xeral de Política Lingüística participa na entrega do galardón do concurso ‘Inventa en galego’ ao instituto IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña)

Os institutos Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), Carlos Casares (Vigo), o de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez (Friol) resultaron gañadores no certame ‘Novos Poliedros’

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no Pazo de San Roque no acto de entrega da última edición dos certames Novos Poliedros e Inventa en galego, convocados co gallo do Mes da Ciencia en galego por IGACIENCIA -Institución Galega da Ciencia- coa colaboración da Xunta de Galicia para promover entre a mocidade a innovación tecnolóxica en lingua galega.

 

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado no acto de entrega por Manuel Díaz, responsable de IGACIENCIA, así como polo alumnado e profesorado dos centros premiados, destacou que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades “fomenta a creatividade en lingua galega en todos os ámbitos, porque a creatividade non se necesita só para facetas artísticas coas que adoitamos asociala, como a literatura ou a música, senón que é imprescindible no ámbito da ciencia e da tecnoloxía”.

 

Promoción da ciencia en lingua galega

No certame Novos Poliedros, que vai pola súa segunda edición, resultaron gañadores o instituto IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña, por partida dobre cunha clase de Bacharelato e outra de terceiro da ESO; o IES Carlos Casares, de Vigo; o IES de Meaño e o CPI Plurilingüe Dr. López Suárez, de Friol. Os gañadores, que expuxeron no acto de entrega os seus proxectos, recibiron un premio de 125€ por centro e un lote de libros como agasallo.

 

Este concurso, que homenaxea a figura de Evarist Galois, creador do concepto de grupo e da Simetría Científica, busca incentivar entre a rapazada o interese pola ciencia, en particular pola xeometría e pola simetría, amosándolles a súa importancia no estudo do universo, da estrutura química ou dos seres vivos, ao tempo que promove o uso da lingua galega entre a mocidade. A partir dun listado de poliedros, os centros participantes elixiron e reproduciron un ou varios deles utilizando o material que tivesen da súa man, desde impresoras 3D ata simples cartolinas e, finalmente, nomeárono cun nome orixinal en galego.

 

Doutra banda, o certame Inventa en galego propón aos centros de ensino que elaboren unha app Android na linguaxe de programación app Inventor que reflicta os lugares interesantes e turísticos da zona na que os alumnos destes centros residan. O gañador foi o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, da Coruña, polos seus proxectos Buscando a María Pita e Club dos famosos mortos. Neste caso, o centro galardoado recibiu un premio de 300€, así como un lote de libros para o alumnado participante.

Imaxes relacionadas