A Xunta concede axudas por 1,3 M€ para impulsar novos proxectos destinados á preparación para a reutilización e á reciclaxe de residuos téxtiles

O obxectivo é apoiar a pequenas e medianas empresas no impulso de instalacións que axuden a implantar a recollida separada destes residuos e a darlles unha segunda vida

Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2022 

A Xunta de Galicia concedeu axudas por un importe global de 1,3 millóns de euros para contribuír á posta en marcha de novos proxectos e iniciativas destinados a fomentar unha correcta xestión dos residuos téxtiles na Comunidade entre 2022 e 2023.

Tal e como se recolle na resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, a concesión destas subvencións enmárcase na estratexia da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para apoiar a pemes, autónomos, asociacións e fundacións sen ánimo de lucro de Galicia no financiamento de actuacións que teñan como fin potenciar a recollida separada deste tipo de residuos para, tras garantir o seu tratamento adecuado, volver a introducilos na cadea produtiva como unha nova materia prima.
 

A tal fin, a convocatoria prevía dúas liñas de actuación subvencionables. Por un lado, iniciativas tanto para construír novas instalacións de preparación para a reutilización de residuos téxtiles como para ampliar as xa existentes co fin de incluír nos seus procesos liñas destinadas a este mesmo fin. E polo outro, proxectos para a construción de instalacións de reciclaxe de residuos téxtiles recollidos separadamente.

Concretamente, catro proxectos resultaron beneficiarios no marco desta primeira convocatoria, dous por cada unha das liñas previstas, que no caso das instalacións de preparación para a reutilización prevían axudas de, como máximo, o 60% do custo da actuación, e no das instalacións destinadas á reciclaxe, de ata o 45%.
 

Grazas a esta orde de incentivos búscase ofrecer unha resposta aos residuos que xera o sector téxtil en Galicia e á necesidade de pechar o ciclo dos materiais empregados por este tipo de empresas e que son consumidos polo gran público. Ademais, favorece a implantación efectiva na Comunidade da economía circular, favorecendo que os residuos se convertan en novos materiais que volven ao mercado para ter unha segunda vida.

Ademais, cómpre subliñar que as axudas que acaban de resolverse se enmarcan na Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, impulsada pola Xunta para optimizar os servizos de recollida de residuos urbanos e implantar a economía circular desde o eido local.

Imaxes relacionadas