O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro cos promotores do proxecto: Naturgy, Repsol e Reganosa
A Xunta ofrece todo o seu apoio á futura planta de hidróxeno verde de Meirama na busca de alternativas industriais para a comarca
Galicia espera que o Goberno teña en conta esta iniciativa no reparto dos fondos europeos e modifique a planificación eléctrica vixente para atender as súas necesidades enerxéticas
Naturgy, Repsol e Reganosa amosaron o seu interese por formar parte da Alianza Industrial do Hidróxeno Verde que impulsa a Xunta de Galicia
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, trasladou hoxe todo o apoio da Xunta ao proxecto para instalar en Meirama, no concello coruñés de Cerceda, unha planta de produción de hidróxeno verde, promovido por Naturgy, Repsol e Reganosa.
Conde ofreceu a máxima colaboración do Goberno galego a través dos instrumentos da Lei de simplificación administrativa para darlle a maior axilidade posible á tramitación deste proxecto. Nese sentido, avanzou que a Administración autonómica xa está avaliando a súa declaración como Iniciativa Empresarial Prioritaria
Na mesma liña, Conde tamén pediu ao Goberno unha revisión da planificación eléctrica vixente e un reforzo do investimento nas liñas de distribución e transporte para que este e outros proxectos industriais que se van impulsar en Galicia poidan ter as súas necesidades enerxéticas cubertas.