Galicia impulsará no 2023 as microformacións como outra vía de cualificación e aprendizaxe que facilite a reciclaxe profesional das persoas traballadoras

A iniciativa pola que aposta a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade vai en liña co que marca a Unión Europea para dar resposta, entre outros retos, á necesidade de formación para enfrontar a dobre transición dixital e verde
 

Trátase de incrementar as oportunidades laborais das galegas e galegos con estas cualificacións de curta duración que consisten nunha forma de aprendizaxe moi flexible que permite a adquisición específica de capacidades e competencias
 

A actuación enmárcase na Axenda Galega de Capacidades para o Emprego coa que a Xunta está a atender as necesidades formativas do tecido produtivo galego

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2022 A Xunta impulsará o vindeiro ano as microformacións, unha iniciativa recomendada pola Unión Europea para dar resposta á necesidade de formación para enfrontar, entre outros retos, a dobre transición dixital e verde. Galicia, deste xeito, será referente en ofertar este tipo de cualificacións de curta duración a empresas e traballadores.

 

Cada vez son mais as persoas que necesitan actualizar e mellorar os seus coñecementos, capacidades e competencias para reducir a fenda entre a súa formación e as necesidades dun mercado de traballo en rápida evolución; sendo, deste xeito, un dos principais retos que afrontan as empresas a oferta insuficiente de capacidades axeitadas no mercado de traballo, ao que se suma que os perfís das tarefas e as capacidades requiridas están cambiando de forma constante debido ás transicións dixital e ecolóxica.

 

A Unión Europea, por iso, está impulsando a través do modelo de microcredenciais as experiencias cortas de aprendizaxe, xa que considera que poden ser un instrumento clave para facer realidade ese dereito á formación e á aprendizaxe permanente, tal e como xa se recolle na Axenda de Capacidades Europea, contribuido á adaptación ás novas esixencias dun mercado laboral en continuo cambio.

 

Nesa liña de traballo, o Goberno galego aposta por este novo enfoque como unha vía máis que axude a reforzar e complementar as oportunidades de aprendizaxe existente e contribúa tamén a dar resposta ás demandas de novas capacidades no mercado laboral, permitindo experiencias de aprendizaxe máis flexibles e acumulables.

 

Deste xeito, e no marco da Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que está a despregar o Goberno galego, vaise desenvolver o modelo de microformacións, co obxectivo de mellorar as capacidades das persoas e fortalecer a competitividade das empresas galegas. Para iso, poranse en marcha unha liña de axudas económicas destinadas a empresas que desexen realizar accións formativas de curta duración para o seu persoal, e que contará cun orzamento de un millón de euros, así como tamén axudas económicas destinadas ás persoas traballadoras desempregadas para poder realizar este tipo de formación, cunha dotación orzamentaria de cara ao vindeiro ano de 1,5 millóns de euros.

 

Esta actuación forma parte do investimento global previsto en formación para o emprego e orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o vindeiro 2023, que crece nun 9,6% ata alcanzar os 202,2 millóns de euros para seguir mellorando a capacitación da poboación activa, ofrecendo unha formación de calidade e axustada ás necesidades reais do tecido produtivo. Deste total, o Plan galego de formación para o emprego contará con 104 millóns de euros.

Imaxes relacionadas