Cerca de cen persoas fórmanse na academia ‘Emprende Makers’ da Xunta para a posta en marcha de ideas de negocio xuvenís e innovadoras

A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou hoxe a academia de ‘makers’ Vermislab que promove en Santiago de Compostela as vocacións científicas e tecnolóxicas a través dun modelo educativo innovador

Destacou que o traballo da Academia Makers permitiu estrear a actividade na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego de Galicia

Ardao subliñou que a cultura ‘maker’, baseada no “faino ti mesmo”, supón un “activo crucial” para a sociedade e o seu tecido empresarial e industrial

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022

Cerca de cen persoas xa tomaron parte nas actividades da academia Emprende Makers posta en marcha pola Xunta de Galicia para formar en competencias básicas do emprendemento maker. A directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, visitou hoxe a firma Vermislab, un centro radicado en Santiago de Compostela, que favorece á formación neste modelo de desenvolvemento empresarial baseado no “faino ti mesmo”.

Ardao aproveitou a visita para facer balance da academia Emprende Makers, impulsada polo Goberno galego para “democratizar a transformación dixital, potenciar a formación e o intercambio de coñecementos e para favorecer a creación de empresas innovadoras impulsadas pola mocidade”, indicou.

A cultura maker constitúe, segundo remarcou Ardao, un activo crucial para a sociedade e para o seu tecido empresarial e industrial, ao aportar innovación e reinventar a actividade empresarial usando tecnoloxías de fabricación dixital baixo a filosofía do “faino ti mesmo”.

O programa, que está financiado ao 75% no marco do Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España-Portugal 2014-2020, permitiu desenvolver accións nos polos de emprendemento de Verín (Ourense Sur), Silleda (Pontevedra Norte e Rías Baixas), Coristanco (Costa da Morte) e no centro de desenvolvemento local de Vilanova de Arousa (Pontevedra), que chegaron a 98 persoas usuarias que adquiriron coñecementos para aplicar ás súas ideas de negocio.

“Estas actividades formativas serviron para inaugurar a nova Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, cos que a Xunta quere ser a antena do territorio que recolla as necesidades do tecido empresarial, identifique a cualificación das persoas traballadoras que precisa, e estableza conexión con axentes vinculados co emprendemento na comunidade”, indicou a directora xeral.

Durante este decembro, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolverá actividades de asesoramento e mentoring ás iniciativas emprendedoras xurdidas durante a Academia Maker, co obxectivo de fomentar as accións innovadoras de carácter tecnolóxico que conecten ao mundo maker co ecosistema empresarial.

Tamén se celebrarán, tal e como detallou Ardao, cadanseus cursos en liña de formación dirixidos ao emprendemento na Eurorrexión en procesos de internacionalización e acceso a mercados exteriores e ao coñecemento de ferramentas de acceso a financiamento. O prazo de inscrición permanece aberto en ambos os dous casos e se pode formalizar a participación a través de formularios distintos para o de internacionalización e, por outra banda, o de financiamento.

En paralelo, a Xunta puxo en marcha unha serie de obradoiros  en tecnoloxías maker, coa finalidade de potenciar a creatividade en campos como a ciencia, a tecnoloxía e o deseño, brindando unha aprendizaxe baseada en proxectos e que fomenta o pensamento de deseño, a innovación e a aprendizaxe experiencial, así como as habilidades socioemocionais.

A súa impartición tivo lugar durante a pasada celebración do II Salón da oferta de educación e formación de Galicia (Edugal) en Pontevedra, no que tomou parte a empresa Vermislab, hoxe visitada por Margarita Ardao, que puxo en valor o traballo desta academia no favorecemento das vocacións científicas e tecnolóxicas a través dunha metodoloxía baseada na innovación educativa.

Imaxes relacionadas