A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático compareceu hoxe en comisión parlamentaria

A Xunta garante a accesibilidade da poboación á rede de puntos limpos cun investimento de 7,7 M€ en 137 proxectos nos últimos 4 anos

 Sagrario Pérez avanza que o Goberno galego traballa para converter estas instalacións en puntos verdes, nos que se poida empregar a intelixencia artificial para coñecer o seu comportamento e as súas necesidades e transformalos nun elo esencial da economía circular


O Goberno galego reserva preto de 19 M€ nos orzamentos de 2023 para mellorar a recollida e tratamento de residuos
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022 

A Xunta de Galicia garante a accesibilidade da poboación á Rede de puntos limpos cun investimento de 7,7 millóns de euros en 137 proxectos nos últimos catro anos, segundo salientou a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, na súa comparecencia de hoxe en comisión parlamentaria.

 

Logo de incidir en que na actualidade o 98,6% da poboación galega ten unha boa accesibilidade, a directora xeral reiterou “a enorme importancia” que a Xunta outorga a estas instalacións para evitar que residuos susceptibles de ser reciclados acaben espallados en vertedoiros ou “o que sería aínda peor, abandonados no noso medio natural”.

 

Así, nos últimos anos a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convocou sucesivas convocatorias de axudas tanto para a construción e mellora de puntos limpos fixos como para a ampliación de novos puntos limpos móbiles. E, de feito, na convocatoria do ano 2022, concedéronse máis de 3,4 millóns de euros a 30 proxectos, dos que 10 tiñan como fin a construción de novas instalacións para o depósito de distintos fluxos de residuos domésticos e os 20 restantes pretenden optimizar as condicións de instalacións xa operativas.

 

Nesa liña, Sagrario Pérez avanzou que o Goberno galego traballa para converter estes espazos para a recollida separada e almacenaxe temporal de residuos municipais que polo seu volume ou perigo deben ser depositados en instalacións específicas en “puntos verdes, nos que, ademais, se poida empregar a intelixencia artificial para coñecer o comportamento e as necesidades dos puntos limpos para transformalos nun elo esencial da economía circular e facilitar a súa evolución cara a centros de reparación e reutilización de residuos”.

 

A maiores, a directora xeral defendeu o compromiso da Xunta, recollido na Lei  de residuos e solos contaminados de Galicia, para colaborar coas administracións locais no fomento do uso dos puntos limpos por parte da cidadanía mediante programas de concienciación e campañas divulgativas, entre outras actuacións.

 

Cómpre lembrar tamén que a Xunta reserva preto de 19 M€ nos orzamentos de 2023 para mellorar a recollida e tratamento de residuos con actuacións como a construción de puntos limpos, iniciativas de compostaxe da fracción orgánica, o tratamento doutro tipo de refugallos domésticos especiais como aceite ou téxtiles e o desenvolvemento dun plan de apoio á implantación da normativa de residuos.

 

O obxectivo do Goberno galego é colaborar coas entidades locais para avanzar cara á economía circular e no cumprimento dos obxectivos comunitarios de minimización de residuos e fomento da preparación para a súa reutilización e reciclaxe.

Imaxes relacionadas