A Xunta licita a redacción do proxecto para executar o novo centro de saúde de Muíños

O centro contará con consultas de medicina xeral e de enfermaría, área de respiratorios, un espazo cuberto para a ambulancia e recepción con zona de espera

A parcela sitúase no núcleo de Mugueimes, próxima á Casa do Concello, ao campo de fútbol, á residencia de maiores e a todos os equipamentos do municipio
 

O novo centro de saúde está previsto na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta e substituirá ao actual, que conta con 36 anos de antigüidade e carencias estruturais
 

O contrato, cun orzamento de case 64.000 euros, prevé un prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para o de execución
 

As empresas interesadas no contrato poderán presentar ofertas ata o 11 de xaneiro
 

O investimento estimado pola Xunta para execución da obra é de máis de 786.000 euros, aínda que o orzamento quedará determinado polo proxecto
 

Esta actuación enmárcase no convenio asinado en maio entre Consellería de Sanidade e Concello de Muíños, que cedeu á Xunta en agosto unha parcela de 800 m2
 

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2022  A Xunta licitou hoxe a redacción do proxecto para executar o novo centro de saúde de Muíños. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación deste contrato, cun orzamento de case 64.000 euros.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 11 de xaneiro. Unha vez asinado o contrato, o consultor deberá entregar o proxecto básico nun prazo de 3 meses e o proxecto de execución en 2 meses.
 
O obxectivo é definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa concepción construtiva e de instalacións. O investimento estimado pola Xunta para execución da obra é de máis de 786.000 euros, se ben o orzamento quedará concretado coa redacción do proxecto.
 
Esta actuación enmárcase nun convenio de colaboración asinado en maio entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Muíños. En desenvolvemento do mesmo, o Concello puxo á disposición da Xunta unha parcela de 800 m2 para construír o centro de saúde. A cesión deste terreo foi aceptada polo Consello da Xunta de Galicia do 4 de agosto deste mesmo ano.
 

A parcela sitúase nunha zona próxima ao núcleo de Mugueimes, onde xa existe na actualidade outro centro de saúde.

A ubicación está próxima á Casa do Concello, ao campo de fútbol, á Residencia de Maiores “Virxe da Clamadoira”, á farmacia e a todos os equipamentos públicos e privados do concello de Muíños.
 

Características técnicas

En canto ás características do novo centro de saúde, a superficie construída será de 420 m2 e a superficie útil de 375 m2.

A instalación sanitaria contará con consulta de medicina xeral e de enfermaría e zona de espera. Tamén disporá de área de respiratorios, con sala polivalente e sala de espera independente.
 
O centro disporá dun espazo cuberto para a ambulancia, vestíbulo, recepción con zona de espera e un despacho para atención ao usuario.
 

Este novo edificio substituirá ao actual, que conta con 36 anos de antigüidade e carencias estruturais, como o feito de compartir espazos con vivendas municipais, que dificultan a prestación da atención sanitaria.

Este centro de saúde está incluído no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito novos centros de saúde en distintas fases.
En particular, na fase 1 deste Plan figuran os novos centros de saúde de Muíños e Boborás, ambos cos convenios xa asinados, parcelas xa cedidas e proxectos xa licitados neste mesmo ano; así como o centro de saúde do Carballiño, sobre o que a Xunta asinou un protocolo co Concello para tramitar a súa construción na parcela da actual estación de autobuses.