A Xunta leva investidos máis de 1M€ en actuacións no barrio de Santa Lucía de Santiago dos Cabaleiros, en República Dominicana, a prol dunha educación de calidade e inclusiva que contribúa á inserción laboral da xuventude

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, visitou os responsables da Fundación Balms para a infancia e os seus socios locais, a Fundación Solidariedade e o Centro Integral para o Desenvolvemento Local


Coñeceu tamén unha exposición de traballos do alumnado da Escola de Arte e Tempo Libre, que ofrece formación en danza, teatro, debuxo e pintura a máis de medio cento de nenos e nenas para fomentar as manifestacións culturais e o valor das tradicións da zona
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022  O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, continúa a súa visita institucional en República Dominicana para coñecer o importante labor da Cooperación Galega e comprobar de primeira man as melloras realizadas con apoio da Xunta. Así, o Goberno galego leva investidos no país máis de 7,3 millóns de euros nos últimos anos.

 

Na xornada de hoxe trasladouse a Santiago dos Cabaleiros onde se reuniu con representantes da Fundación Balms para a infancia e cos seus socios locais, a Fundación Solidariedade e o Centro Integral para o Desenvolvemento Local (CIDEL) para coñecer as intervencións realizadas no barrio de Santa Lucía, no distrito Santiago Oeste. Desde 2017, estas organizacións traballan a prol da mellora das condicións de vida da poboación deste barrio, en especial nos ámbitos da educación e a saúde, ademais de contribuír ao incremento da participación social das mulleres e adolescentes na vida pública.

 

En concreto, a Xunta apoiou seis iniciativas da ONGD galega e os seus socios locais cun investimento de máis de 1 millón de euros. A última delas está a executarse neste mesmo ano e supón un paso máis no acceso aos dereitos da poboación, ampliando o seu alcance desde o barrio de Santa Lucía a todo o distrito de Santiago Oeste e poñendo o foco na participación da xuventude.

 

As actuacións postas en marcha nestes anos ao abeiro desta colaboración da Xunta centrouse en áreas como a educación, con medidas como a escolarización de 117 nenos e nenas que estaban fóra do sistema educativo, a implantación dun programa de alfabetización ou a inauguración en 2017 da ludoteca do barrio, ano no que tamén abriu as súas portas a Escola de Arte e Tempo Libre.

 

Fomento da cultura e a tradición

Precisamente Diego Calvo visitou tamén hoxe unha exposición do alumnado desta escola de arte, na que 57 rapaces e rapazas participan en clases de danza, teatro, debuxo e pintura. Deste xeito, a través deste centro foméntanse as manifestacións culturais e o aprecio polas tradicións da zona.

 

Os traballos realizados no eido educativo inclúen ademais un programa dirixido a mellorar a inclusión das persoas do barrio no mercado laboral con máis de 20 cursos impartidos, así como a prestación da formación necesaria para poñer en funcionamento unha cooperativa de mulleres coa que favorecer a implantación de negocios emprendedores.

 

Entre os proxectos executados destacan tamén melloras nas infraestruturas, co deseño de peonís prioritarios, un proceso de reforestación da cañada, unha campaña de concienciación medioambiental e outra de sensibilización sobre os dereitos sexuais e reprodutivos no marco dun proxecto máis amplo de prevención e formación en educación sexual. En materia de perspectiva de xénero, creouse unha mesa de seguridade e xénero do distrito e unha campaña coa que dar visibilidade aos dereitos sociais e políticos das mulleres.

 

Por outra banda, na súa visita ao barrio de Santa Lucía, o vicepresidente segundo da Xunta mantivo reunións con integrantes das organizacións da sociedade civil e autoridades locais como representantes da Zona Franca, o Consello de Desenvolvemento e coordinadores das comisións de traballo do Plan de Desenvolvemento de Santiago Oeste.

 

Despois de coñecer as iniciativas da Fundación Balms para a infancia e ter visitado estes días as das ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) en agrupación coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) en San Pedro de Macorís, o vicepresidente segundo remata mañá xunto o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero, a visita ao país centroamericano no batey de Matamamón, en Santo Domingo Norte, onde comprobará as actuacións da Fundación InterRed relacionadas coa prevención do matrimonio infantil e as unión temperás (MIUT).

 

Nestes días Diego Calvo destacou o importante traballo dos axentes de cooperación nos países estratéxicos da Cooperación Galega como República Dominicana, mellorando a calidade de vida das persoas e comunidades que máis o precisan. Por iso, a Xunta manterá o seu compromiso coa cooperación ao desenvolvemento como vén demostrando cos catro Plans Directores da Cooperación Galega aprobados ata agora. Nesta liña, os orzamentos da Vicepresidencia Segunda para 2023 reservan case 9 millóns de euros ao Plan Anual da Cooperación Galega, o que supón 1 millón máis e un incremento do 14% respecto a este 2022.

 

Imaxes relacionadas