A Xunta presenta este xoves os traballos de rehabilitación realizados no Colexio do Cardeal de Monforte cun concerto de Rosa Cedrón e Emilio Rúa
O Goberno galego vén de rematar a actuación na igrexa, claustro e áreas de visita pública deste Ben de Interese Cultural cun investimento de 500.000€
A cita será ás 19,00 horas e está aberta para toda a cidadanía polo que para asistir só será necesario inscribirse previamente en eventos.cultura.educacion@xunta.gal
Asistirán o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez
Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia presentará este xoves os traballos de rehabilitación realizados no Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos nun acto que terá lugar a partir das 19,00 horas e que contará coa actuación musical de Rosa Cedrón e Emilio Rúa e coa asistencia do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
A cita para dar a coñecer o resultado da intervención está aberta a toda a cidadanía. Deste xeito, para asistir só será necesario inscribirse previamente no enderezo eventos.cultura.educacion@xunta.gal ata acadar o máximo do aforo.
A obra feita neste inmoble permitiu mellorar a conservación da igrexa, claustro e áreas de visita pública deste Ben de Interese Cultural (BIC) cun investimento de 500.000€. En concreto, solucionaranse as patoloxías da bóveda, cuberta e muro do presbiterio. Ademais actuouse nas carpinterías para evitar a entrada de auga e nos elementos mobles da igrexa con tratamentos de desinsectación.