A Xunta e a FEGAMP acordan incrementar as vías de acceso á profesión de socorrista para facilitar a prestación do servizo nos concellos

Tras varias xuntanzas de traballo, o acordo pechouse hoxe nun encontro no que participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co presidente e os vicepresidentes da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), así como representantes das universidades galegas e de entidades relacionadas coa materia


Inclúese unha nova acción formativa, de 120 horas, que se suma ás existentes no actual decreto para regular a formación e as condicións esixibles para o desempeño deste traballo


Ampliaranse tamén as entidades capacitadas para impartir a formación, previa homologación por parte da AGASP
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2022

A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) acordaron hoxe, tras varias xuntanzas de traballo, incrementar as vías de acceso á profesión de socorrista para facilitar a prestación do servizo nos concellos. O acordo inclúe a posibilidade de realizar un curso de 120 horas para instalacións e espazos acuáticos ao que se poida acceder sen formación previa. Esta vía súmase ás xa previstas no decreto que regula a formación e as condicións esixibles para o desempeño deste traballo.

 

A proposta das novas vías de acceso á actividade de socorrismo partiu dos representantes da Fegamp. O curso requirirá unha proba de natación e distribuirase en tres módulos centrados na prevención de accidentes, no rescate e nos primeiros auxilios. Como novidade, e tamén a petición da Federación Galega de Municipios, elimínanse as prácticas profesionais de 80 horas ao remate da formación. Ademais, vanse ampliar as entidades capacitadas para impartir os cursos, que deben estar dedicadas á formación e cumprir os requisitos establecidos no decreto de socorrismo para obter a homologación por parte da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

 

O acordo pechouse nun encontro no que participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, e os vicepresidentes da entidade. Tamén estiveron representantes das universidades galegas e de entidades relacionadas coa materia como a Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Cruz Vermella, Asociación de Búsqueda e Salvamento de Galicia e Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar, entre outras.

 

Materialízase así a iniciativa de chegar a unha proposta consensuada para incrementar as vías de acceso á profesión de socorrista, tal e como se estableceu o pasado novembro coa creación dun grupo de traballo específico para avanzar neste obxectivo.

 

Deste xeito dáse un paso máis de cara á elaboración e aprobación dunha nova norma que permita xa de cara ao próximo ano incrementar o número de profesionais que conten coa formación adecuada e garantir así a seguridade dos bañistas cun servizo seguro e de calidade.

 

A Xunta xa vén traballando pola profesionalización na prestación deste servizo de competencia municipal mantendo a súa calidade. Deste xeito, o Goberno galego publicou hai un ano o decreto para regular a formación e as condicións esixibles para o desempeño das funcións de prevención e socorrismo tanto nos espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores) como nas instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas) de Galicia.

 

O novo decreto publicado en 2021 e que renova o de 2012 xa aumentaba as posibilidades de acceso ao Rexistro Profesional de Persoal Socorrista de Galicia. Por unha banda, para que o maior número de persoas poidan desenvolver a actividade de socorrismo profesionalmente en Galicia e, por outra, conseguir un número suficiente de profesionais que dean cobertura á demanda de socorristas, mantendo o nivel de cualificación e calidade na prestación dos servizos de socorrismo.

Imaxes relacionadas