A Xunta avanza na tramitación do campus de I+D do Grupo Santos como proxecto de interese autonómico

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo unha reunión con representantes da empresa -líder no sector do deseño, fabricación e comercialización de mobles de cociña- para abordar os seguintes pasos

O grupo prevé un investimento de 26,5 millóns de euros e a creación de 815 empregos directos neste novo centro que se instalará en Boqueixón

Santiago de Compostela, 5 de decembro O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a declaración de interese autonómico do proxecto do campus I+D do Grupo Santos, en Boqueixón, o que fixa as condicións urbanísticas necesarias para o seu desenvolvemento.

Tras esta declaración -que se produce en coherencia cos instrumentos de ordenación do territorio de Galicia e se fundamenta tanto na riqueza e creación de emprego que vai supoñer para a zona, como por supoñer un avance cara a un novo modelo industrial- iniciarase o procedemento para aprobar esta iniciativa como proxecto de interese autonómico. Con motivo desta declaración e para informar da tramitación que se terá que iniciar agora, a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo unha reunión con representantes da empresa.

O Grupo Santos -líder en España no sector do deseño, desenvolvemento, fabricación e comercialización de mobles de cociña- investirá 26,5 millóns de euros nesta iniciativa coa que prevé crear 815 empregos directos nos primeiros sete anos de actividade.

O campus de I+D, localizarase en Deseiro (Boqueixón), onde o grupo conta cun terreo de 85.000 metros cadrados na zona do polígono empresarial e nunha situación estratéxica pola súa proximidade á autoestrada, así como a infraestruturas tanto aeroportuarias como ferroviarias. O obxectivo é que o grupo conte cunhas instalacións apropiadas para que os departamentos de deseño e desenvolvemento poidan dispor dunha contorna axeitada para o proceso creativo co fin de innovar en produto.

Con esta declaración, a Xunta de Galicia segue amosando o seu compromiso e apoio ao desenvolvemento da actividade industrial e, especialmente, á súa transformación a través da aposta pola innovación.

 

Imaxes relacionadas