A Xunta incorpora ao seu campus virtual de cualificación para o emprego os contidos formativos en competencias clave

Este recurso vai dirixido de xeito prioritario a aquelas persoas que non dispoñen das titulacións requeridas ou dunha formación mínima para acceder á formación conducente a certificados de profesionalidade

A cualificación en liña permitirá ás persoas prepararse dun xeito flexible para presentarse e superar as probas oficiais que convoca a Xunta cada ano

As persoas que recorran a este modelo contarán cun servizo de titorización para resolverlles as dúbidas que xurdan no proceso

Un dos piares da cualificación para persoas sen emprego é o procedemento de competencias clave que a Xunta mellorará de cara a 2023 con máis convocatorias e máis lugares de realización das probas libres e máis orzamento para as accións formativas destinadas a este fin

Santiago de Compostela, 04 de decembro de 2022 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade acaba de incorporar ao seu campus virtual de formación para o emprego os contidos formativos necesarios para preparar as probas de competencias clave que vai dirixida a aquelas persoas que non dispoñen da titulación (ESO para o nivel 2 e Bachiller para o nivel 3) ou formación mínima exisida para acceder á cualificación conducente a obter certificados de profesionalidade, en concreto, os de nivel 2 e 3, que ofrece a Xunta de Galicia. Para estas persoas, superar as probas oficiais en competencias clave que convoca a Administración autonómica son a porta de entrada á formación para o emprego de maior nivel.

Os contidos formativos que xa están a disposición no campus virtual son os de nivel 2 e 3 nas seguintes competencias: linguas galega, castelá e inglesa e matemáticas.

O campus virtual permite ás persoas prepararse dun xeito máis flexible para superar estas probas poidendo realizar en liña unha avaliación dos coñecementos adquiridos, obtendo o resultado de xeito inmediato. Cada contido formativo dispón de alo menos dous exemplos de modelo de exame para esa competencia e, deste xeito, a persoa pode xa realizar unha simulación completa da proba, de cara a determinar o seu nivel de preparación. Así mesmo, cada contido formativo dispón dun vídeo no que unha persoa titora resolve os exercicios do modelo de exame oficial, xustificando e explicando cada unha das resposta.

Así mesmo, aquelas persoas que decidan recorrer a este modelo, dispoñen dun servizo de titoría co fin de que poidan contar cun apoio que lles axude a resolver aquelas dúbidas que lles xurdan no transcurso desta preparación .

A capacitación en competencias clave pode facerse por libre ou tamén no marco dos cursos AFD (Accións Formativas para persoas Desempregadas). Con respecto ás probas libres, de cara a 2023 estase a deseñar un programa para aumentar o número de convocatorias, e tamén estase a estudar a ampliación dos lugares de realización dos exames en centros de formación para o emprego de titularidade da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e emprazados nas catro provincias galegas. Ata o de agora, as probas celébranse unha vez ao ano en Silleda.

En canto aos cursos de competencia clave que forman parte das accións formativas para desempregados (AFD), o crédito destinado aumentará ata chegar aos 5 millóns de euros, o que supón un 45 % máis de orzamento.