A Xunta adxudica por máis de 327.000 € as obras de humanización do núcleo rural de Moreiras, en Toén

Os traballos, cun prazo de execución de 11 meses, inclúen a creación dun espazo público con 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas accesibles con miradoiros e escaleiras e unha senda peonil, entre outros elementos
 

Esta actuación enmárcase no chamado plan Hurbe, que permitiu levar a cabo no municipio ourensán outras dúas intervencións urbanísticas nos últimos anos
 

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2022 

A Xunta de Galicia acaba de adxudicar por un total de 327.404,35 euros as obras de humanización e mellora da accesibilidade no núcleo rural de Moreiras, no concello ourensán de Toén. Cun prazo de execución de 11 meses, os traballos inclúen a creación dun novo espazo público con 12 prazas de aparcamento, a construción de ramplas accesibles con miradoiros e escaleiras e unha senda peonil.

Cómpre lembrar que a humanización en Moreiras executarase en virtude do acordo de colaboración que asinaron o pasado mes de agosto a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor municipal, Ricardo González, no cal ambas partes se comprometeron a cofinanciar a actuación.
 
En concreto, o departamento autonómico achegará o 70% do orzamento necesario para completar os traballos, ademais de encargarse da contratación e da súa xestión ata que se rematen conforme ao previsto. A Administración local, pola súa banda, redactou o proxecto que se vai acometer en Moreiras, financiará o 30% restante e unha vez recibidas as obras, asumirá o seu mantemento e conservación.
 
A intervención prevista no concello de Toén executarase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa de apoio ás entidades locais galegas posto en marcha pola Xunta no ano 2010 co obxectivo de promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.
 
Desde entón e grazas a esta iniciativa, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, dirixidas tanto a habilitar ou recuperar equipamentos públicos municipais como a poñer en valor as contornas urbanas. Ata o momento, só na provincia de Ourense xa están comprometidos ou executados un total de 166 proxectos.
 
Esta non é a primeira colaboración entre o Goberno galego e o Concello de Toén ao abeiro deste programa. Así, nos últimos anos a Consellería e o Executivo local impulsaron xuntos tamén a urbanización da praza de Moreiras, rematada no ano 2011 e na que se investiron máis de 176.000 euros, e a finais do ano pasado culminaron outra actuación conxunta no espazo público de Mugares, cofinanciada entre ambas administracións por un total de 85.000 euros.