Fernández-Tapias informa a veciñanza de Teis sobre o Plan de acción 2022-25 da Xunta para a ETEA cun investimento de 49 M€ e a dotación de aseos, cafetería e mantemento

A delegada territorial explicou aos colectivos veciñais, culturais e deportivos o acordo do Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito a través de catro consellerías
 

Os aseos públicos e o arranxo do campo de baloncesto que demandan os veciños serán solucionados de forma inminente, tal e como prometera a representante autonómica hai un mes
 

Vigo, 3 de decembro de 2022

  A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, presentou á veciñanza do barrio de Teis o Plan de Acción 2022-25 que aprobou este xoves o Consello da Xunta para o desenvolvemento do ámbito da ETEA. Tal e como prometera na xuntanza mantida hai menos dun mes nas propias instalacións, a representante autonómica informou dos avances acordados polo Goberno galego para responder ás demandas veciñais.

Fernández-Tapias reuniuse con representantes da Asociación de Veciños, Plan Comunitario, Marinetea, Asociación de Comerciantes, Mercado de Teis, Club de Remo Virxe da Guía, C.D. A Guía, Club Deportivo Teis, Voces polo Litoral e Comisión de Festas da Guía. Durante o encontro, confirmoulles que xa está adxudicado o contrato para reparar o campo de baloncesto.
 
Tamén explicou que o vello edificio que ocupa os antigos vestiarios serán reconvertidos en aseos públicos (48.000 euros) e o inmoble situado entre ambas instalacións (antiga panadería) servirá como nova cafetería (330.253 euros), para o que xa está contratado e a punto de concluír o estudio de viabilidade que permitirá a súa posta en funcionamento. 
 
Ademais, indicou que a planificación na ETEA é o resultado dos estudos previos e as xuntanzas cos propios colectivos veciñais para promover a zona e poñer en valor un espazo orientado á cidadanía como lugar de ocio. Segundo explicou a representante autonómica, o plan supón un investimento total de 49,1 millóns de euros, despois de que a Xunta xa executase nos últimos anos 21 millóns e teña previsto coa nova planificación outros 28 millóns.
 

Mantemento e limpeza

Por outra banda, a delegada tamén informou á veciñanza de que o mantemento de todas as instalacións da ETEA, a limpeza e a xardinaría (461.063 euros en tres anos) dos ámbitos PS-1, PS-5 e PS-6 quedarán incorporados aos contratos centralizados da Xunta a partir do 1 de xaneiro de 2023.

 

Ademais, a Administración autonómica continuará asumindo os servizos de vixilancia e seguridade (600.919 euros ata 2025). Tamén estuda unha solución para o posto de vixilancia, ben a través do alugueiro dunha caseta prefabricada ou habilitando un espazo nos edificios.

Centro de transformación e alumeado

A Xunta tamén construirá un novo centro de transformación (37.045 euros) que permitirá o subministro eléctrico a todo o recinto e individualizar os consumos aos diferentes propietarios. Relacionado directamente, está previsto levar a cabo unha obra de baixa tensión (60.125 euros) para dar luz aos edificios e farois do PS-1.

Urbanización e residencia de maiores

Por último, Fernández-Tapias reiterou ante os veciños que existe un orzamento de 14,8 millóns de euros para a urbanización do PS-1 e a conexión coa Avenida de Galicia, pero a Xunta segue á espera de que o Concello poña os terreos a disposición para poder levar a cabo a urbanización de vieiros e espazos libres.

Tal e como destacou, esta obra é imprescindible para a construción da residencia de maiores por parte da Fundación Amancio Ortega, cun investimento de 12 millóns, posto que a día de hoxe está paralizada precisamente pola falta de conexións e servizos desde o PS-1.
 
O desenvolvemento do Plan de Acción 2022-25 na ETEA implica directamente á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, á Consellería de Facenda e Administracións Públicas, á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e á Consellería de Política Social e Xuventude.

Imaxes relacionadas