Doce estudantes conseguen os premios da Xunta de Fin de Carreira de Ensinanzas Artísticas Superiores e os Extraordinarios de Artísticas Profesionais
Ambas modalidades teñen como obxecto recoñecer o esforzo e dedicación do alumnado cunha traxectoria excelente nestes estudos
A Xunta de Galicia acaba de recoñecer as mellores traxectorias académicas de 12 estudantes de Ensinanzas Artísticas, seis deles cos Premios Fin de Carreira para o alumnado de Ensinanzas Artísticas Superiores de Música, de Deseño, de Arte Dramática e de Conservación e Restauración de Bens Culturais; e outros seis cos Premios Extraordinarios na modalidade de Ensinanzas Artísticas Profesionais nos ámbitos de Música, de Danza e de Artes Plásticas e Deseño, que remataron os seus estudos no curso 2021/22.
Premios Fin de Carreira
No caso dos Premios Fin de Carreira, dotados con 3.500€, na modalidade de Arte Dramática o galardón foi para Roberto Casal Mouriño (dirección escénica e dramaturxia), da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, en Vigo; e na modalidade de Conservación e Restauración de bens culturais a galardoada é Brianda Otero Moreira (escultura), da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, en Pontevedra.
Premios Extraordinarios Ensinanzas Artísticas Profesionais
No que atinxe aos Premios Extraordinarios de Ensinanzas Artísticas Profesionais, no ámbito de Música resultaron premiados Nuno Estévez Pazó (acordeón), do Centro autorizado de música profesional Contrapunto Histórico de Santiago; Carla Gómez Iglesias (clarinete), do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba, e Mario Rabanal Freire (violín), do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo.