O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, inaugura a mostra ‘Alfonso Sucasas, camiño e mitoloxía’ que poderá visitarse ata o 23 de abril

O Museo das Peregrinacións e de Santiago recupera e actualiza a obra de Sucasas sobre o fenómeno Xacobeo na nova exposición coa que pecha este Ano Santo

Comisariada por Pilar Corredoira, inclúe medio cento de pinturas, debuxos, bosquexos e documentos que preparou o artista lalinense para as mostras do Xacobeo 1993
 

Abre un diálogo entre dúas épocas distintas e permite facer un percorrido pola evolución dos principios, valores e motivos que representan a peregrinación
 

O titular de Cultura salienta que axudará a divulgar “a inigualable visión plástica innovadora sobre o Camiño dun dos artistas máis representativos do século XX”

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou hoxe no Museo das Peregrinacións e de Santiago a exposición Alfonso Sucasas, camiño e mitoloxía, que recupera e actualiza a obra do artista lalinense sobre o fenómeno xacobeo e coa que o museo pecha a súa programación expositiva deste dobre Ano Santo.

 

O titular de Cultura da Xunta salientou o valor desta nova proposta artística por “abrir un diálogo entre dúas épocas distintas que nos permitirá ver a evolución dos principios, valores, e motivos que representan o Ano Santo”. De feito, inclúe as pezas que Sucasas preparou para as exposicións do Xacobeo 1993, que agora se actualizan ao situarse no contexto deste Xacobeo 21-22.

 

Son, en total máis de medio cento de obras inspiradas na historia de Compostela e do Camiño de Santiago, que inclúen pinturas, debuxos, bosquexos e un amplo catálogo documental. Unha recompilación de pezas que lle permitiron a Sucasas “abrir un fío argumental de traballo que cultivaría nos anos seguintes”, indicou Román Rodríguez ao tempo que cualificou a mostra como “unha oportunidade para abondar na persoalísima interpretación das Rutas Xacobeas dun dos artistas mais representativos do século XX, coa súa visión plástica innovadora sobre a espiritualidade e a experiencia de camiñar cara a Santiago de Compostela”.

 
 
 

Máis de medio cento de obras

A mostra, comisariada por Pilar Corredoira, rememora o traballo que Alfonso Sucasas realizou durante o Xacobeo 93 e dá lugar a unha ampla colección integrada por debuxos e pinturas, algunhas de gran formato como Tríptico de Adán e Eva, Pecados capitais ou Santiago Peregrino.

 
Expóñense óleos sobre lenzo, bosquexos, obras en papel, útiles de pintura, libros, fotografías, documentos manuscritos do artista así como pezas audiovisuais con imaxes do artista. Cóntase coa colaboración de distintas institucións como Turismo de Galicia, o Parlamento de Galicia, a Casa de Galicia en Madrid e coleccións particulares. Poderá visitarte ata o 23 de abril.