Galicia abandona a mesa de traballo do Ministerio de Educación sobre a nova ABAU ante a negativa do Goberno central a escoitar as propostas autonómicas
A Xunta comparte esta decisión con outras comunidades xa que o Goberno do Estado non ten en conta ningunha das principais achegas construtivas que lle foron elevadas
A Consellería de Educación insiste na necesidade de elaborar unha proba única de consenso que garanta a igualdade de oportunidades de todo o alumnado nun sistema de distrito único universitario como é España
Lamenta que o Ministerio tampouco escoite a organismos independentes como a Real Academia de la Lengua, a Red Española de Filosofía ou os coordinadores do exame de Lengua Castelá e Literatura, moi críticos coa proposta ministerial
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2022 A Xunta de Galicia abandona a mesa de traballo do Ministerio de Educación para o deseño e implementación da nova ABAU ante a negativa do Goberno do Estado de atender ningunha das principais propostas autonómicas.
Así pois, Galicia comparte esta decisión con outras comunidades xa que o Ministerio desbota por sistema a meirande parte das achegas que lle foron elevadas desde unha perspectiva construtiva. Lamenta, así mesmo, que tampouco escoite opinións de organismos independentes e referentes no seu ámbito como a Real Academia de la Lengua (RAG), a Red Española de Filosofía ou os coordinadores do exame de Lengua castelá e Literatura, moi críticos coa proposta ministerial.
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vai seguir defendendo unha proba de consenso que naza da rigorosidade e do diálogo a prol de garantir a igualdade de oportunidades de todo o alumnado, máxime nun sistema de distrito universitario único como é España. Así o expuxo a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández, nunha reunión celebrada esta mañá.
A representante da Consellería reiterou a necesidade de deseñar unha proba da ABAU con criterios de avaliación homologables e uniformes, así como que se adíe o calendario de implantación e se elimine a proba de madurez que pretende instaurar o Ministerio e que diminúe o nivel de esixencia e, por conseguinte, xera máis desigualdade.